Espazo para a creación artística: literaria, gráfica…
Ceo sen chuvia
Parece ser que o outono,
tapou con follas e con auga os doces
non tan só días, senón recordos,
dos seus ollos cor morriña.
Xa que por máis que queira,
seguirá sendo Manuel,
pola familia, polos compañeiros.
non sae a dor acumulada.
Quizáis, ela, por moito que queira quitar os tormentos,
non é capaz polo eco dun recordo difuso.
- Os homes NON choran!.
Ser sen ser
Samaín, o día favorito de Manuel.
Érguese sabendo que pola fiestra,
non se espera luz, senón gozo.
Escoita no autobús as letras das
cancións que repudia, mais
non lle hai que facer. Homes…
O seu fermoso conxunto,
simula non ser un disfrace,
só unha exigua realidade.
Unha realidade que está disfrazada
Ao son do bombo escóitase:
- MARICA, MARica, marica!
Rachaduras de estrelas,
sobrepasan o ceo entre tanto alcohol.
Manuel non tomara nin unha copa,
pero decidira saír esta vez maquillada.
Entre xeringas de líquido sospeitoso,
hai un corpo tirado rodeado de seres
insolentes e inxustos.
Os beizos máis vermellos,
que o labial que comprara.
Os ollos máis escuros,
que a morriña nocturna.
Un velo posto,
de forma colectiva.
- Travelo, travelo, travelo…!
As mulleres non deben ir soas.
Menos, pola rúa de noite.
O axitación de Manuel mentres
era invadido por un descoñecido,
e os seus gritos de agonía e dor
non eran nada comparado co que escoitou.
- As mulleres non deben ir soas.
- E menos ti, que non o es!
- Pásalle por ir provocando,
a ver si así para de pintar o indio,
por unha parte estalle ben,
se deixara de andar con esas mariconadas,
que mal vai o mundo.
As palabras non só existen
dentro dun Manuel en coma,
que espertaría para volver a súa infame rutina.
As palabras existían tamén,
no mundo real.
- Real, pero falso!
Chuvia sen ceo
Negro, non é morriña, é negro.
Máis escuro que a escuridade.
Non só dentro do obxecto de madeira,
que subiría ao ceo. Tamén,
na cara dos familiares e dos non
tan familiares. Só unha acción:
NEGRO.
Por primeira vez o negro
era descanso en Manuela.
E no negro
unha silueta
máis tinguida de bágoas
que o resto:
Pai!
(que os nenos non choraban)
- Os homes SI choran…
Cando o coello tirou un reloxo do peto do chaleque, decatouse de que chegaba tarde a unha cita que tiña cunha fermosa lebre chamada Martina. O coello Pepe comezou a correr o máis a présa que podía.
Na metade do camiño atopou unha meniña duns catro anos chorando, e parou a preguntarlle que lle pasaba. Ela díxolle que non sabía onde estaba a súa nai, entón Pepe decidiu que non podía deixar aí soa á rapaza, por iso se dispuxo a buscar á súa nai. Percorreu medio pobo, preguntoulle a toda a xente que vía e non descansou ata que a atopou, despois de media hora na súa procura. Cando por fin chegou ao restaurante onde quedara con Martina, descubriu que xa non estaba alí, pois, cansa de esperar, marchara había dez minutos. É por isto que Pepe foi á súa casa a pedirlle desculpas polo seu retraso e explicoulle o acontecido, pero ela non aceptou as súas desculpas.
Todo apenado, Pepe voltou para o seu fogar, pero pronto caeu na conta de que, se Martina non podía entender que a rapaza precisaba a súa axuda, non pagaba a pena estar con ela.
Cando o coello tirou un reloxo do peto do chaleque, viu que non funcionaba, polo que se encamiñou pola cidade en busca de unha reloxería na que estiveran dispostos a arraxalo para que volvera a funcionar correctamente.
Polo camiño, perdeu a carteira, onde levaba cartos para pagar o arranxo. O tempo voou mentres buscaba a carteira desaparecida, non deixou pedra sen levantar ata que a atopou, o problema foi que estaba enriba dun tellado, estívose preguntando para si como chegara alí durante uns minutos, pero veu que estaba escurecendo e as tendas(entre elas a reloxería), cerrarían dentro de pouco. De forma que trepou como un mono, colleu a carteira e marchou a toda présa dando brincos.
Cando chegou, viu que seguía aberta a reloxería, e en menos do que canta un galo, foi, encargou e pagou o arranxo, e marchou felizmente á súa casa.
Cando o coello tirou un reloxo do peto do chaleque, comprobou que eran as cinco e media e acelerou o ritmo. Dirixíase ó seu tobo. Polo camiño todos os seus amigos preguntábanlle a onde ía, pero el seguía correndo, cada vez máis rápido. Cando chegou á súa casa, quitou o chaleque e colgouno nun percheiro. Correu á cociña. Apagou o forno e sacou un biscoito queimado. O coello preparouse para facer outro moi rápido, xa que ás sete tiña unha festa con todos os animais do monte e non quería decepcionar ós seus compañeiros. Cando rematou a sobremesa, chamárono para informalo de que a festa fora cancelada. O coello, triste, puxo a mesa para comer o biscoito el soíño, cando de súpeto soou o timbre. Alí fóra estaban todos. Viñan a darlle ó coello unha festa, porque el mesmo esquecera o seu aniversario.
A literatura é unha arte que, na maior parte dos casos, chega aos estudantes cunha imaxe pouco artística. Moitas veces, só a través dos libros de texto. É por iso que se adoita asociar exclusivamemte co ámbito académico, perdendo de vista a cara máis interesante e real deste concepto. A estas alturas de curso, hai quen xa sentiu un cambio na súa visión literaria.
Antes asociabamos a literatura a “chapar”. Autores e obras, en bucle. O noso sistema educativo caracterízase por ser máis teórico que práctico e é por esta razón que os conceptos son máis complicados de asimilar, xa que non se aprecia ningún tipo de utilidade neles. En cambio, certas materias non obrigatorias achégannos á esencia do que moitas veces estudamos coa intención de aprobar, non de aprender. Como imos entender movementos como as vangardas se non lles dedicamos o tempo suficiente a analizalas? Como nos vai envolver a literatura sen ler e interpretar? Tanto na ciencia como na arte, ver reflectido na realidade todo o que parece teoría para o esquezo, anima aos estudantes a achegarse a esas ramas de estudo e culturizarse cada vez máis.
Na sociedade actual, o principal obxectivo é gañar cartos e enriquecerse cada vez máis. Unha cadea sen fin, de avaricia e focalización no capital. Por iso, xa non queda tempo para a creación nin para a busca de emocións sen máis finalidade que a súa en si mesma. Onde se atopa esa xente que escribe ou comparte música por paixón e non por comercializar os súas producións? Como se explica a finalidade da arte se non se sente nin se aprecia?
Arte. Esa palabra que invade a mente de cada individuo con múltiples creacións, ideas, lugares ou sons. Milleiros de elementos que nos recordan esa sensación inexplicable que só ela pode transmitir. É subxectiva, tal e como é cada recuncho das nosas emocións. Non se pode cuantificar. É arte, útil e inútil á súa vez, na súa esencia. Cando o beneficio económico dela é nulo, abandónase, ignorando que este concepto foi inventado para o contrario: o pracer sen ningún outro obxectivo. Os cartos son útiles, pero non aportan a total felicidade. Pode que crear arte tampouco, pero achéganos máis a ela. A súa maior virtude é a forma que ten de aloumiñar a quen a aprecia e a capacidade de transmitir o que cada quen precisa expulsar do seu interior mediante unha vía distinta á fala cotiá.
Mentres subía polas esqueiras de madeira a buscar unhas toallas mirou no espello da parede o rostro xoven que se refrexaba observando os xestos da cara. Non se daba acostumado a este novo corpo e xa o tiña dende fai uns anos, quizais era o momento de cambialo.
Sabela