Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas

Espazo para a creación artística: literaria, gráfica…

Artigos nesta sección:

Resultado de imaxes para: un chien andalou     A curtametraxe Un chien andalou, de Luis Buñuel, realizada a finais da década dos 20, é unha película coa cal se pode experimentar de primeira man o espírito vangardista da época. Comezando polo seu título, xa se poden ver características surrealistas, xa que en ningún momento se fai alusión a el durante o contido da filme.

Introducíndonos nestes contidos, só é posible entender que é unha sucesión de historias sen ningún tipo de nexo. De feito, isto faina diferente e excepcional como historia, xa que rompe coa tradición de que un acontecemento sempre debe ser narrado de maneira argumental e provoca sorpresa no espectador captando a súa atención. A primeira escena desta sucesión de historias mostra a un home cortándolle un ollo a unha muller. Nesta parte aínda me sinto coma se a historia fora a ter un argumento, pero logo mostran rápidamente unha sucesión de escenas coas mesmas personaxes sen ningún tipo de nexo, intercalando entre cada unha un letreiro especificando o tempo no que se produce o relato, pero estes letreiros carecen de sentido, producíndome a sensación de que o tempo deixa de importar.

Por outro lado, aquí é onde se mostra o influxo de Dalí, e non só na estética dos escenarios representados, xa que para el o tempo era relativo e diferente para cada persoa. Por outra banda é polo influxo deste artista que podo intuír que toda a película intenta recrear un mundo onírico. Este sentimento onírico comeza a facerse visible na miña mente canto máis avanza a curta, habituándome á sensación de non entender exactamente o que está pasando canto máis pasa o tempo e facendo que me acostume máis e máis a esa realidade surrealista. En canto me consigo acostumar totalmente a esta realidade, comezo a poder centrarme en certas sensacións que me manifestan as escenas, pasando dende o noxo polos insectos nas mans ata unha incomodidade persistente que só desaparece co fin da serie de persecucións.

Resultado de imaxes para: un chien andalouMoi adentro.

Non te preocupes, pequena artista, por non saber interpretar o ininterpretable. Que realidade máis irreal esta que vivimos. Un tango marca o ritmo dos pesadelos. Unha mirada nocturna, a mirada da lúa. Unha nube que atravesa. As nubes vense de noite? Non lles importa cortar, non van ao cárcere. O ollo espera a que o atravesen. Deixa de mirar fóra, todo está dentro. Que realidade tan irreal esta que vivimos. Non miramos sen ver, vemos sen mirar. Non se pode mirar sen ollos, pero ver si, non o material nin o externo, senón o eu.

Todos agochamos algún segredo nunha caixa. Ás veces é tan difícil ocultalo que se apega a nós, ás nosas formas, miradas, á nosa roupa. Tan difícil que, sen decatarnos, o segredo forma parte de nós e non da caixa. E aínda que convencidos de que non, ó noso redor poden velo ó ollarnos. Eses que algún día pronunciaron un “quérote”, ou simplemente pensaron en facelo, mirarán o noso segredo fixamente, tentando facelo desaparecer, e demostrarán que aquelas palabras tiñan letra pequena.

Por moito que intenten frealo segue aí, tan dentro que consegue escarvar a nosa pel e saír á superficie. Pero tantas miradas rematan por facer efecto. Miradas que obrigan a voltar o segredo á caixa. Miradas que convencen para acabar con el. O seguinte é vivir enganados, perseguir algo que realmente non desexamos. Pero é tan difícil non ser e cargar co peso ás costas, que, maxicamente, renacemos de novo.

Renacemos como nacemos a primeira vez, condenados a non ser quen somos. Condenados e castigados. Educados baixo un dogma, ó que rematamos aborrecendo e odiando. Un dogma que nos converte en asasinos de nós mesmos, en suicidas de persoas mudas, silenciadas.

Abandonados polos ollos que tentaban cambiarnos, cuxos beizos xa non nos dedican aqueles “quérote”. Ollos que camiñan á beira do mar e desprezan o noso recordo. Ollos, que coma todos, rematan por pecharse tamén.

Eles sempre defenderon que non existe significado, que é o simple e vivo reflexo do subconsciente do espectador; así que…Que tan perturbada está a túa mente pequena artista? Que idetifica a homosexualidade como un pesadelo, como unha vergoña, un mal do que fuxir, un segredo que manter pechado nunha caixa.

Unha nova loucura de Merenda Creativa.

A cant@s alumn@s recoñeces no vídeo?

Vagaba pola zona vella de Santiago, cando pasei fronte a unha libraría. Logo duns minutos fitando cara o escaparate decidín entrar. Crucei corredores, atravesei a tenda dunha punta á outra, ollando os estantes e lendo as etiquetas que concentra a esencia de cada andel. Fantasía, novela negra, infantil, cine, música, ciencia ficción, cómics. Mais non era iso o que buscaba. Refixen o camiño que percorrera, era imposible que non estivese, tiña que atopala. Xirei a cabeza 360 graos, e nese momento vina. Estaba alí, nun recuncho da enorme tenda. Como se intentase pasar desapercibida. Fronte a min atopábanse tres andeis adicados á “literatura gallega”, ou iso dicía a etiqueta.

        No primeiro recoñecín varias traducións ao galego. Unha delas “Ulises” de Joyce, feita por Otero Pedrayo por vez primeira. No século XIX as Irmandades da Fala traduciran obras da cultura universal, demostrando a validez do galego para acceder á cultura foránea, sen a intermediación do castelán. Unha reivindicación á orde do día, como resposta á subvención de traducións ao galego dende o inglés ou castelán, non dende a lingua orixinal, mesmo en casos onde hai profesionais coñecedores desta. É tanto pedir?Ningunha lingua está normalizada ata que os seus lectores poidan acceder nela a toda a literatura universal. Tendo en conta isto, e a limitada gama de posibilidades en galego, decatámonos da situación da nosa lingua. E por conseguinte, da da nosa literatura, que non pode estar normalizada se a lingua que a move non o está.
             No seguinte andar atopeime con “Sempre en Galiza”. Fíxome cavilar. Do século XIX ó XX, a literatura galega encarnaba unha ideoloxía galeguista. De feito, a obra de Castelao que sostiña na man representa plenamente o nacionalismo. Na actualidade, a utilización do galego reflexa unha actitude de compromiso coa lingua, mais esta idea converteuse en clixé, xurdindo o estereotipo de que a escolla do galego está directamente relacionada cunha posición ideolóxica. E eu pregúntome.. non é posible percibir unha obra en galego só como produto estético? Como aporte de pracer, como expresión de beleza, sen segundas intencións.Un poema en galego, un poema de amor en galego, ós ollos alleos suporá unha reivindicación. Porén, esa mesma poesía en castelán amosará simplemente fermosura.
              Non atopei o que procuraba. En realidade non procuraba nada en concreto. Son desas persoas indecisas, sen ideas fixas. Percorro coa vista a ringleira de libros, de dereita a esquerda, leo os títulos; se cadra olleo algunha sinopse, pero, sobre todo, fíxome na portada. Fito para a ilustración de cada un. E agarrando o último libro do estante póñome a pensar. Penso en min. Penso en min como lectora. Penso en quen le. En quen le en galego. Na esixencia que se expresa cara a nosa literatura. Situación que non se manifestaría se estivese normalizada.
                  Saín da libraría e sentinme unha estranxeira. Unha turista que viaxa a outro país e atopa un pequeno anaco do seu fogar. Unha forasteira que chega a outra cidade e percibe un leve murmurio na súa lingua. Desexei que algún día escribir en galego non supuxese un acto militante, que ler na nosa lingua non signifique loitar por unha causa, que para atopar un libro en galego non teñamos que buscar tanto, que a nosa lingua deixe de semellar estranxeira na nosa propia terra.

A noite era cálida e brillante, con luminosas estrelas que mostraban o terreo.

 El correu, a suor caía polo seu rostro e a súa respiración saía rápida e forte; quizais era iso o que facía que o outro home soubese onde estaba.

 Acelerou o paso sen preocuparse polo ruído que facía. Non valía a pena e, se tiña sorte, alguén viría a axudalo.

 O otro home tamén acelerou o paso e, cando pasou por unha esquina, botouse a correr.

 Soltou unha serie de improperios e botou a correr tamén.

 As sombras bisbáronlle a posición do outro home e así soubo que a axuda chegara.

 Seguiu correndo tras a súa presa.

 Sempre era divertido ir de caza.

I

O inimigo silencioso

é silencio, foi silencio

e será silencio

Non é o inimigo

é amigo, coñecido

de sobra coñecido

Eu coñezo varios

máis son todos

Elas falan soas

Elas falan soas

Falan solas

aterradas

do pasado escuro

do futuro incerto

Madre, irmá,

netas e fillas

Conto a historia das avoas

e ti tamén mirando podes ver

véxoas sempre falando solas

mais non é por culpa da vellez

Se nunca as deixamos falar

non han falar para Nós

e vémolas aí

falando para esquecer

Acerquémonos a escoitalas

din rosas, din soños, din anos

e eu pregúntome

e se falan elas e calamos Nós?

II

Estou firme

firme no monte

ollando o atardecer

esperando de roupaxes novas

un tempo de lecer ca miña amada

Alí van os meus amigos

na luz andan a mirar

o saúdo é obrigatorio

penso neles sen parar

Se non ves ti

hei marchar de aquí

fuxirei ao meu lugar

coidando o meu descoido infeliz

Véxoa

e ela vén

con doce rosas na man

vai cantando vitoria

tráeme herba de namorar

E xa teño que facer

con ela ao fin podo rir

con ela o meu tempo compartir

mentres se pon o sol

e arrima paseniño o anoitecer

 III

Anda a corte revolta

un remuíño de animais sen distinguir

moito po que limpar

O vello home

vestido a cadros vermellos

perdeu o poder

e xa non sabe que facer

Perdeuno por non mirar

na vella corte

mentres atendía

da mala familia

As zafias serpes

vestidas de altivo crocodilo

entran na escena

coa galiña azul e o galo laranxa

Fixeron mal

co apoio do resto

sen saber o resto

o propio mal

E debe o vello de Eibar

loitar e loitar

para recuperar

a súa vella corte

preto de Alfacar

I

Lenda

 (Hoxe é unha noite de inverno,

e asubía o vento,

escoito a choiva caer,

as súas voces entendo

creando unha sinfonía

que escoito cada día

que o vento asubía.)

Oio un marmurio

que conta unha historia

ocorreu naquel río

e naquela nube.

Susurrana os zapateiros

e bailana os pampillos

que baixo aqueles castiñeiros

quedaron firmemente escritos

os nomes daqueles seres adormecidos

dos que nunca se escoitaron gritos.

Agora son só lendas

son só brisa do verán

as frores amarelas

agora só alquitrán.

II

  A chuvia lavará o mundo

(Só entre os teus beizos atopo

Bágoas de cristal

E só, entre gota e gota,

Un pouco máis fasme escachar.)

 

-Nunca choveu que non

escampase- dixo o vello cego.

-Máis o ceo está que bota-

murmurou a muller do panadeiro.

-¡Vai parar!- gritou o carpinteiro.

-Eso espero- asubiou o neno.

 

E o vello, a muller,

o carpinteiro e o neno

viron como a choiva

afogaba ao ceo.

III

 O país da esquecida

(E durmida miro a vida,

E empañada teño a alma,

O cabelo sempre revolto

E a mente toda escachada)

Aias de frores rotas

e tinta de negro cristal

historias feitas amagos

que acabarán por escachar.

Miradas de soños perdidos,

soños sen quen os mirar;

bolboretas de xeo vermello

e follas azuis ao pasar.

381 Artigos |   | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | 6  | 7  | 8  |   | 48  | 
*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.