Imaxe de cabeceira
Música ...de aquí e de acolá
Artigos nesta sección:

Celebración de Santa Icía na comarca
Como xa saberedes, o sábado 22 de novembro é o día de Santa Icía, patroa dos músicos, e como ben sendo habitual nestas datas, haberá actuacións musicais practicamente en tódolos recunchos das vilas. Para quen queira disfrutar de música en vivo nesta fin de semana, aí van algunhas ideas:
Hoxe venres 21, ás 20.30 h. no Coliseo Noela de Noia, a Compañía Lírica de Galicia ofrecerá un concertó de ópera e zarzuela.
O sábado 22 na Igrexa de San Martiño, tamén en Noia, actuarán a Coral noiesa, o Coro da Escola de Música de Carnota e a Coral Polifónica de Bugallido.
En Ribeira, a Coral Polifónica do Círculo Mercantil e Industrial, celebrará na igrexa parroquial un festival no que participarán, ademais de dita coral, a Coral San Xoán de Serres e a Coral Baldomar de Boiro.
Na Sala Ardora de Porto do Son actuará o dúo Dandys Acústicos de Queiruga.
O domingo 23, tamén na igrexa de Noia, ás 20.30 h. a Banda Municipal de Lousame, dará o concertó de clausura.
En Mazaricos actuará o grupo de pandereteiras Leilía a partires das 17.00 horas.

O sábado 13 de setembro de 2008 estreouse, no Teatro Colón Caixa Galicia da Coruña e coa produción da Asociación de Amigos da Ópera desta cidade, a ópera {O arame}, con música do vigués Juan Durán e libreto do lucense Manuel Lourenzo.

A obra é unha ópera de cámara, nun só acto, cunha duración aproximada de hora e cuarto e coa presenza de poucos personaxes. Concretamente participan un barítono, unha soprano, dous bailaríns e unha orquestra de cámara con 16 músicos (corda, vento, piano e percusión).

O libreto narra a historia de Gloria e Labarta, dous titiriteiros que, ao final da súa vida, chegan á beira do mar onde reflexionan sobre os seus soños, recordos e penas. O personaxe masculino, Labarta, representa un artista que aínda mantén a ilusión e cre que pode volver aos éxitos do pasado, mentres o feminino, Gloria, representa o lado contrario, o dunha muller rendida, sen ilusión nin esperanza, que non quere continuar. Ese ton nostálxico e poético da historia, fai que a música non sexa épica, senón contida, lírica, sensible, con tons apagados, aínda que ao final se perciba unha certa esperanza.

O canto segue as características dun recitativo “cantábile”, sen grandes arias ao estilo italiano, senón cunha especie de continuidade, de diálogo e acción sen interrupcións ata o final. A música empregada é moi descritiva e con motivos que acompañan aos distintos personaxes e accións coma o mar, o camiñar do equilibrista polo arame…

Na estrea do 13 de setembro actuaron o barítono Javier Franco (coruñés, residente en Italia), a soprano Carmen Durán (viguesa, residente en Alemaña), os bailaríns Catarina Varela e Alexis Fernández (pertencentes ao Centro Coreográfico Galego) e o {Grupo Instrumental Siglo XX} baixo a dirección do compostelán Maximino Zumalave. A escenografía correu a cargo de Rodrigo Roel e a actuación apareceu reforzada cunha videoproxección.

Cómpre salientar as palabras do compositor ao comentar a obra e dicir que “a música está supeditada ao texto porque non hai que esquecer que a ópera é fundamentalmente teatro. Hai que deixar que a escena e o argumento sexan moi comprensibles e tamén se debe apoiar o lucimento dos cantantes, porque ao fin e ao cabo son os que transmiten a mensaxe.”

122 Artigos |   | 1  |   | 11  | 12  | 13  | 14  | 15  | 16
*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.