Sección dedicada a mostrar dinámicas normalizadoras propias, do noso ENDL, pero tamén a dar conta de persoeiros, entidades, organizacións… que se moven no mesmo campo ca nós, o da normalización das linguas minorizadas. Aproveitamos tamén este espazo para presentar información sobre distintas linguas minorizadas no mundo.
Non pasou moito tempo dende o día no que tiven un pequeno debate cun rapaz a través dunha rede social, na que publicara, sen vir demasiado a conto, que o galego era unha lingua que estaba condenada a morrer. Non acostumo realizar comentarios sobre o tema nas redes sociais, polo que ía facer coma quen oe chover pero como por veces son algo arroutada, antes de pararme a pensalo, atopeime co meu comentario enviado. O que seguiu despois deu pé a este artigo, porque eu estaba preparada para atopar respostas tinxidas dos prexuízos típicos, pero non estaba preparada para tal cantidade de opinións estereotipadas e menos aínda para descubrir tanta falta de información arredor da nosa lingua entre persoas que semellaban posuír unha formación académica media. Cansa de ler sandeces, obrigueime a min mesma a abandonar a discusión, porque de nada serve malgastar forzas nun diálogo de xordos, nunha confrontación na que o outro ignora que un debate non é tal sen unha argumentación. Así que acordei comigo mesma que, para asuntos coma este e como diría a miña avoa, venta d’abaixo.
No IES Félix Muriel celebramos hoxe luns, 30 de xaneiro, o Día da Paz ao tempo que o Día de Castelao. Hoxe Castelao cumpriría … sabes cantos anos? Para celebralo quixemos deixar nas escaleiras algunhas frases súas que reflicten o seu pensamento.
Castelao denunciou a guerra e a represión daqueles que quixeron impoñer pola forza as súas ideas. Un deses deseños é o que hoxe, Día da Paz, preside a entrada do noso centro.
Inauguramos tamén as xornadas da Memoria histórica. Esta supón a toma de conciencia duns feitos que ocorreron no pasado e que se trataron de silenciar. Recuperar a memoria da xente silenciada na ditadura franquista e tratala desde o respecto é outra homenaxe que lle rendemos a Castelao.
Déixovos aquí as miña crónica sobre a vistia realizada polo sociolingüista Anik Nandi, o pasado xoves 19, ao noso Ies.
A conferencia comezou coa presentación do mesmo por parte dunha compañeira de 2º de Bach e continuou cun ton amigable, entusiasta e sinxelo por parte do bengalí que levantou en min unha profunda admiración por este home. A través dunhas diapositivas comparou a situación sociolingüística da India coa de Galiza e finalizamos cunha ronda de preguntas na cal ó comezo todos estabamos cohibidos, pero que pouco a pouco fomos participando, ata que finalmente o tempo resultounos insuficiente.
Volvemos ás tertulias normalizadoras, pero este ano chamarémonos COMIDA, LINGUA E MÁiS NÓS. E este será o noso logo…
Permitímonos traducir este abecedario científico tan simpático que atopamos pola rede. Os científicos máis famosos de todos os tempos, caracterizados coas súas palabras.
A situación lingüística española anima a José del Valle a escribir un artigo no que reflexiona acerca da opresión que exerce o Estado Español ás linguas de España, a excepción do castelán.
España e a escola filolóxica española pretenderon dende fai moitos anos converter o castelán na lingua por excelencia do noso país creando un gran relato mitificado acerca da unidade lingüística e cultural. Para realizar este proceso, levaron a cabo políticas centralistas e obviaron citar as tensión e disputas derivadas de impoñer unha lingua dominante.
Numerosos son os argumentos que o autor utiliza para defender a súa tese:
A semana pasada fun facer o exame correspondente ó nivel de B1 en inglés ó Centro Británico de Santiago.
Todo ía ben, a pesar de que o galego estaba ausente no centro e só o falabamos tres ou catro persoas, por outra parte nada estraño neses lares, ata que ó porme a facer un dos exames no ordenador tiven que especificar cal era a miña primeira lingua (“choose your first language”, poñía). Despracei o rato pola lista de linguas que aparecían na pantalla: Catalá, Spanish, Zulú… e nada, o galego non estaba entre elas. Levantei a man preguntando onde estaba o galego. Un profesor indicoume que tiña que premer na opción “another language” e seguidamente escribir “Galician”.
Nisto se converteu o galego? Nunha “another language” dentro de Galiza? Noutra linguacalquera dentro do seu país? Tan insignificante que nin sequera aparece nun listado de idiomas? Tan minusvalorada que hai que buscala para atopala?
Como ben dixo Rosalía: “a lingua galega é estranxeira na súa patria”.