Nunha nova sesión do Ciclo Camiñando entre mulleres, organizado polo ENL do noso IES en colaboración co SNL do Concello de Rianxo, tivemos a sorte de contar coa presenza de Lara Torres, técnica superior en Ilustración pola EASD Pablo Picasso e graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo.
Lara, ilustradora, muralista e docente, falounos do seu percorrido vital e profesional e tivo a amabilidade de aceptar ser entrevistada por Noelia, unha das nosas colaboradoras de Radio Rianxofala.
Invitámosvos a escoitala:
A regueifeira Lupe Blanco e a intérprete LSE (lingua de signos) Ana Belén Mourín López regueifando en “Camiñando entre Mulleres”
- “Mamá… xa sei o que quero estudar… un ciclo medio”
- “Ah vale… vas estudar perruquería, non?”
Pois non… non era Perruquería; o que ela quería estudar era Soldadura, e soñaba con ir traballar a un asteleiro e facer barcos.
Hoxe coñecimos a Nerea Vázquez, “a diva do metal”, como lle din na súa terra. Unha historia moi valente de loita e superación para acadar as metas propias nun mundo tradicionalmente de homes. Estudante no CIFP Politécnico de Santiago, rematou o curso pasado o CM de Soldadura, e cursa neste o CS de Construcións Metálicas.