Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
O IES Félix Muriel corre polo galego: Correlingua 2026
Correlingua5
      O pasado 5 de maio, as nosas rapazas e rapaces do IES Félix Muriel viaxaron a Santiago para participar na XXVI edición do Correlingua.  Toda a  xornada foi unha explosión de enerxía e compromiso co noso idioma, na que o noso centro tivo un protagonismo especial.
       Dende o inicio do percorrido, o alumnado de Rianxo fíxose notar. Camiñou polas rúas compostelás, portando unha gran pancarta co lema “Nós tamén navegar” unha mensaxe cargada de identidade .
     Durante todo o traxecto, as voces do Félix Muriel non descansaron, coreando numerosos lemas a prol do uso do galego e da súa normalización, demostrando que a mocidade está máis viva e concienciada que nunca.
       O momento máis emocionante tivo lugar ao peche da xornada, pois na entrega de premios resultamos gañadores do II Premio ao mellor cartaz.
         Finalmente, como broche de ouro ao acto público, o noso alumnado foi o encargado de ler o manifesto, poñendo voz ás reivindicacións de miles de mozos e mozas que reclaman o seu dereito a medrar e vivir plenamente en galego.
      Parabéns a todas e todos por representar con tanto orgullo e forza ao noso instituto!
     Deixámosvos a continuación enlaces ao vídeo  da entrega do II Premio ao mellor cartaz, a nosa galería de fotos e ao noso Manifesto..
Vídeo da entrega do II Premio ao mellor cartaz.

 

O noso manifesto :  Nós tamén queremos navegar!

Nós, o alumnado do IES Félix Muriel de Rianxo, dirixímonos a vós, compañeiras e compañeiros que participades no Correlingua 2026, cuxo lema é Co galego no corazón, facemos revolución!, para denunciar a situación actual da nosa lingua, reivindicar un cambio para que mellore e achegar as nosas propostas para lograr ese obxectivo.
Denunciamos a situación na que se atopa a lingua galega:

  • Porque o galego non é unha lingua querida polos seus propios falantes, senón que é unha lingua da que moitas e moitos se avergonzan.
  • Porque moita xente pensa que o galego non é importante e que é mellor saber castelán porque é máis falado.
  • Porque as persoas novas falan cada vez menos galego.
  • Porque o galego case non se usa nas redes sociais e nos medios de comunicación entre a xente nova.
  • Porque o galego é falado por xente vella e do rural moito máis que pola xente nova e de
  • cidade.
  • Porque o galego está desapericido en certos ámbitos como a xustiza.
  • Porque estatisticamente o castelán superou o galego en número de falantes por primeira vez na historia.

Para poder mudar a situación que acabamos de describir, reivindicamos:

  • Primeiro. Que a escola desde infantil ensine en galego!
  • Segundo. Que nais e pais lles falen galego ás súas fillas e aos seus fillos para que a lingua medre nas novas xeracións!
  • Terceiro. Que se prioricen os medios de comunicación en galego, especialmente os xornais!
  • Cuarto. Que se aumente a presenza do galego nas actividades de lecer para a xente
    nova.
  • Quinto. Que os carteis e toda a información nos centros educativos estea en galego!

Para lograr eses obxectivos propoñemos:
1. Impulsar programas educativos e campañas familiares que incentiven o uso do galego
na vida cotiá.
2. Visibilizar creadores e creadoras de contido en galego, así como lanzar campañas
dixitais atractivas empregando o noso idioma.
3. Promover as empresas que creen contidos culturais e xogos en galego.
4. Darlle máis importancia ao galego nos medios de comunicación, con contido para
todos os gustos e para todos os públicos.
5. Deseñar campañas dirixidas ás familias para que tomen conciencia da importancia
de transmitir o galego.
6. Impartir a docencia de materias como Matemáticas ou Ciencias en galego.

En  conclusión… Como se pode ler na nosa pancarta, “nós tamén queremos navegar” e , ademais de reivindicar a igualdade entre homes e mulleres como facía a feminista Begoña Caamaño, autora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste 2026, tamén queremos achegar o noso gran de area co galego no corazón para poder gañar esta revolución!



Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.