III Certame Cousas
Premios do III Certame COUSAS
O pasado venres 24 de abril, o IES Félix Muriel acolleu a gala de entrega de premios do III Certame Cousas, un acto que contou coa destacada presenza dos membros do xurado, Leo de Matamá e Xabier Vázquez.
Nesta edición, o primeiro premio (dotado con 300 €) recaeu na alumna do centro Carolina Ferreira pola súa obra A cadeira baleira. O xurado quixo subliñar a excelente «adecuación entre texto e imaxe», así como a fonda «denuncia social feminista» dunha temática que, lamentablemente, mantén a mesma vixencia que na época de Castelao.
O segundo premio, de 200 €, foi para Ezechiel González Rodríguez, do CPR Plurilingüe Sagrada Familia de Vilagarcía. Da súa obra, titulada O recendo de xabón lagarto, valorouse especialmente a súa orixinalidade e a capacidade para integrar o poder sensorial no relato, evocando con mestría a pegada literaria de Castelao.
Pola súa banda, Violeta Trillo Maschi, alumna do IES Xelmírez II, alzouse co terceiro premio (100 €) grazas a Corazón brillante. Neste caso, o xurado destacou o seu compromiso coa realidade contemporánea e a necesaria reflexión sobre os efectos derivados do uso inapropiado das novas tecnoloxías.
Así mesmo, o certame recoñeceu con cadanseu accésit o traballo de dúas alumnas do IES Félix Muriel: Valeria Varela (17 anos), por As mans que sosteñen o mundo, e Lara Barreiro (13 anos), pola obra Votar.
O Certame Cousas reafirma os seus obxectivos fundacionais: poñer en valor e dar visibilidade ao talento creativo do alumnado a través da imaxe e da palabra en galego, mantendo sempre viva a homenaxe á figura de Castelao. Os nosos máis sinceros parabéns a todas as persoas e institucións implicadas: participantes, centros educativos, membros do xurado e integrantes do grupo Ekos.
A galería de fotos:







Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]