Imaxe de cabeceira
Actividades do Equipo
SEMANA DE FIADAS DIDÁCTICAS NO MURIEL

Seis alumnas de 4º imparten as charlas das Letras a todo o instituto. Se premes na imaxe poderás ver a presentación que utilizaron.

Exposición letras 2025

Rianxo. 16 maio 2025.- Martes e mércores desta semana, o salón de actos do IES Félix Muriel de Rianxo acolleu as cinco exposicións que media ducia de alumnas de 4ºA realizaron para todos os niveis do instituto (agás 2º BAC) sobre o Día das Letras Galegas 2025, dedicado ás cantareiras e a poesía popular oral.

Sentadas en cadansúa cadeira sobre o escenario, adornado de panos e pandeiretas e ata cunha gaita, Xulia Vidal Tubío, Sabela Rial Rego, Celia Rey Losada, Candela Jamardo Resúa, Rita Castiñeiras Suárez e Lucía Bermúdez Alcalde levaron á práctica a chamada aprendizaxe entre iguais ao ser as encargadas de explicarlles ás súas compañeiras e aos seus compañeiros do centro que celebran as Letras Galegas, desde cando se festexan, quen foron homenaxeados nestes 62 anos, só sete edicións foron femininas, incluíndo este, e quen son as cantareiras galardoadas e que é a poesía oral popular.

Ao xeito das fías, das fiadas, dos fiadeiros ou dos fiandóns (reunións que tradicionalmente se facían para fiar e onde se cantaba, bailaba e se realizaban certos xogos populares), as seis alumnas foron instruíndo o resto do instituto a través da súa conversa. Ademais, a presentación incluíu unha gravación da exclusiva recolla que outras dúas alumnas de 4º, Antía Vidal Gómez e Clara Méndez Rial, lles fixeron a dúas veciñas de Dodro, Isaura Garrido Freire, e Rianxo, Maruja Miguéns Lustres.

Deseguido, desenvolveron diversas actividades de interacción do público. Entre o alumnado de 1º e 2º ESO distribuíron un debuxo para corar das cantareiras da web da Academia extraído da obra de teatro, ‘As Ferreñas’ escrita por Paula Carballeira con ilustracións de Nuria Díaz. Co resto de niveis, retáronos a saber que eran as ferreñas, as tarrañolas, o adufe ou o peitoque… e a coñecer os nomes das xuntanzas para divertirse, cantar e bailar.

Posteriormente, escoitáronse as palabras de Castelao por boca da cantadora Sés: “Porque a verdadeira tradición non emana do pasado. Nin está no presente, nin se albisca no porvir. Non é serva do tempo. A tradición é a alma eterna que vive no instinto popular e nas entrañas do chan. A tradición non é a historia. A tradición é a Eternidade” e a voz da homenaxeada Eva Castiñeira cantando ‘Ao pasar pola Coruña’ para pechar co “aí vos vai a despedida, aí vos vai a derradeira, acabouse o chiculate, rompeu a chiculateira”.

Tralas exposicións sempre houbo foliada a cargo do público espontáneo que se animou a cantar o Paxaro Pinto, a Rianxeira e outras coplas coas pandeiretas. Unha festa!




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.