Imaxe de cabeceira
Actividades do Equipo
Almanaque Ano Castelao 2025

Almanaque2025-ANOCASTELAO-IESFélixMuriel-1_page-0001

Descarga aquí de balde o teu Almanaque Ano Castelao 2025

Alumnado de 4º de ESO do IES Félix Muriel vén de elaborar un calendario para este 2025, Ano Castelao, co fin de renderlle unha homenaxe máis ao noso insigne veciño, cando se conmemora o seu 75 cabodano, e contribuír á normalización da lingua conscientes como somos da dificultade de atopar almanaques nos que ver pasar os días no idioma que nos fai ser galegas.

O almanaque pódese descargar de balde para imprimir e céntrase no calendario escolar, isto é, recolle os días lectivos e non lectivos canda as conmemoracións escolares e mailas festas das nosas seis parroquiais (Asados, Araño, Taragoña, Leiro, Isorna e Rianxo). Reflicte tamén os festivos autonómicos e estatais, así como os locais, tanto do noso Concello de Rianxo, como dos lindeiros de Lousame, Rois, Boiro, Dodro e Catoira, ademais dos de Padrón e Santiago. Así mesmo, contempla, como calquera outro, as fases da lúa e, a maiores, o día e hora da entrada das diferentes estacións, segundo publica a Axenda Astronómica do Instituto Geográfico Nacional.

No que se refire ás páxinas de cada mes van ilustradas coa coñecida autocaricatura de Castelao datada en 1914, que custodia o Museo de Pontevedra e que está feita escultura na rotonda de Té desde 2023, acompañada de cadanseu extracto do Sempre en Galiza debidamente localizado na obra.

Este proxecto encádrase no apartado de actividades autónomas que o alumnado debe desenvolver na materia de Lingua Galega e Literatura para promover, precisamente, a fundamental autonomía persoal colaborando co Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto e transceder este achegando un produto útil dentro e fóra das paredes do centro.

Participaron Paula Varela Cancela, Salma Touriño Fernández, Tania Castaño Alcalde, Clara Fernández Ordóñez, Hugo Pérez Magariños, Daniela Rial Sordo, Mariela González Morano e Noa Seage Resúa de 4º C mais Iris Laíño González, Paula Juiz Figueiro e Paula López Villanustre de 4ºA. Bo traballo!




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.