Lorenzo Rodríguez Iker (2º BAC-B)
N.E.V.E.R.M.O.R.E
O pasado sábado 18 de marzo estreouse no auditorio de Rianxo a obra N.E.V.E.R.M.O.R.E ideada e creada pola compañía teatral Chévere e dramatizada e dirixida por Xron, na cal se relatan a xeito de documental os feitos sucedidos en novembro do 2002 co afundimento do Prestige e as graves consecuencias que este trouxo consigo para toda Galiza, sendo este feito ocultado e minimizado de todos os xeitos posibles ate que se fixo tan notorio que foi imposible seguir evitando o conflito.
No transcurso da obra comézase relatando o sucedido a través de audios reais da xente que se viu involucrada nesta traxedia, pasando polos que decidiron limpar o petróleo, polos mariñeiros que o viviron dende cerca e por outros traballadores e xente común que realizou distintas actividades de denuncia ao goberno pola ocultación e a neglixencia fronte ao afundimento. Desta forma ao longo da composición trátanse e critícanse diversos temas, como a falta de empatía dalgunhas partes do pobo que se viron subvencionadas por parte do goberno a cambio deste silencio e a falta de competencia dos encargados institucionais fronte á problemática situación, xa que se esta tivese sido tratada coa importancia e transparencia que merecía teríase reducido en moi alta medida o dano que este ocasionou a toda Galiza unha vez traspasou o punto de non retorno. Nacendo de toda esta constante inxustiza o movemento N.E.V.E.R.M.O.R.E, en referencia ao poema de Edgar Allan Poe, como un último chamamento do pobo galego fronte esta arbitrariedade que de non verse eliminada acabaría condenándonos a repetir a mesma historia unha e outra vez.
En conclusión, na miña opinión esta obra e moi recomendábel tanto para o público mozo coma o máis adulto, xa que trata esta catástrofe dunha forma bastante lineal e fácil de seguir para a xente que non viviu este suceso ou non o recorda, á vez que a través de todos os documentos que expón fai unha grande e detallada énfase tanto nos motivos coma nas consecuencias do Prestige, destacando persoalmente a incríbel dramatización e os envolventes efectos de son realizados en directo cunha gran maioría de obxectos de porte cotián.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]