Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Por que aumenta o número de éuscaro falantes no País Vasco e en Galiza diminúen os galego falantes? (por Manu Losada)

O número de falantes en éuscaro crece ano tras ano, mentres que en Galiza sucede todo o contrario. Hai corenta anos, en Álava  só un 5% da poboación falaba éuscaro, e na actualidade esta cifra supera o 30%, mentres que en Galiza no mesmo período de tempo, a cifra baixou dun 60% ao 40%. Por que sucede isto?

Segundo Txerra Rodríguez, sociólogo vasco, os principais falantes en éuscaro son os rapaces menores de 18 anos. Isto é un exemplo de que cada vez máis pais lle falan aos seus fillos na súa lingua autóctona. En Galiza, hai datos tan sorprendentes como que un de cada catro rapaces menores de 15 anos non sabe falar galego. A lingua autóctona non é transmitida de xeracións en xeracións como ocorre co éuscaro. Cabe preguntarse por que se está a dar este fenómeno no noso país…

No País Vasco elaborouse un eficaz modelo de inserción lingüística en éuscaro. Un modelo que se viu reforzado por actividades realizadas para fomentar o emprego da lingua, un modelo que contou co apoio técnico da administración pública, por movementos sociais e polos propios centros educativos. Desgraciadamente, o modelo de inserción lingüística non se pode levar a cabo da mesma maneira en todos os lugares, pois cada pobo, vila ou aldea ten que buscar o seu propio modelo que impulse o emprego da lingua. Se queremos que o número de galego falantes aumente debemos buscar un modelo axeitado ao pobo galego, tal e como fixeron os euscaldúns.

Outro motivo polo que o numero de éuscaro falantes aumenta é a posibilidade que teñen os euscaldúns de estudar só na súa lingua autóctona. No País Vasco podes escoller catro modelos de ensinanza: só en castelán, dous que son unha mestura de euskera e castelán dependendo da materia, e un só en éuscaro. Non ocorre o mesmo en Galiza  xa que só existe un modelo de educación, que che obriga a ter parte das túas materias na túa lingua autóctona, e outras en castelán. E por se fose pouco, moitos centros educativos ensinan completamente en castelán (saltándose as normas), impartindo a materia de galego dunha maneira semellante á de unha lingua estranxeira como o francés ou portugués. Como ben dixo Sechu Sende, activista e profesor: “hai moitos nenos e nenas castelán falantes que como consecuencia da legalidade actual son incompetentes en lingua galega”.

O principal problema do pobo galego é o “autonoxo”. Pais galego falantes que falsifican a matrícula dos seus fillos poñendo que falan castelán cando un instituto pregunta a lingua nai do alumno, persoas que educan a seus fillos en castelán coa escusa de “es para que el día de mañana tengan más salida laboral”, ou como afirmou Marta López (exconcursante de Gran Hermano) : “…Tiene pasado, se que va a sonar muy fuerte pero es la realidad que se vive y no voy a ser hipócrita, que hay muchas chicas que, si un chico les gusta, pero habla en gallego, lo pierde todo…” Destes tres exemplos podemos extraer o mesmo factor común, xente galega avergoñándose da súa lingua, da súa cultura e da súa historia.

Que triste é ver que a lingua que nos une como pobo a todos os galegos, sexa o froito da crítica e ridiculización que buscan os que non se identifican con ela.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.