Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
Topónimos galegos (por Adriana Romero)

Existe dende sempre un grande debate arredor da toponimia galega. Deben os españois dicir os topónimos galegos na súa forma natural (o galego) ou poden “castelanizalos”?

A Real Academia Española reabriu este debate hai uns días, cando respondeu a unha muller que lle preguntaba cal das dúas formas era correcta en castelán: “voy a A Coruña” ou “voy a Coruña”. A RAE afirmou que a forma correcta dun castelanfalante sería dicir “La Coruña”, o que desatou moitas críticas por parte de galegofalantes aos que non lles gusta ver como cambian os seus topónimos e os converten ao castelán.

A ideoloxía dos membros da RAE pode percibirse dende lonxe; tanto en actos coma este como no seu empeño en que a forma correcta de designar a homes e mulleres en conxunto é a masculina, mostran a súa ideoloxía conservadora. Polo tanto ninguén se estrañou ao ver que defendían a castelanización de topónimos galegos.

E iso, a pesar do que recolle o marco legal actual. Pois a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística , emanada do Estatuto de Autonomía, a súa vez emanado da Constitución española, establece no seu artigo 10:

  • Os topónimos terán como única forma oficial a galega
  • Corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia. O nome das vías urbanas será determinado polo Concello correspondente
  • Estas denominacións son as legais a todos os efectos e a rotulación terá que concordar con elas. A Xunta de Galicia reglamentará a normalización da rotulación pública respectando en todos os casos as normas internacionais que subscriba o Estado

Con todo, o castelán imponse ao galego en Galiza, até o punto de estar perdendo o noso idioma. Con isto quero dicir que, moita xente nova, xente das cidades, prefiren falar castelán que galego. Tendo en conta isto, se se di que a forma correcta de designar topónimos galegos en castelán é a forma castelanizada, moita xente deixará de usar estes topónimos (pese a que xa se fan) e parecerá que a forma correcta é a outra. O único que se consegue con isto é quitarlle a identidade aos galegos, temos algo noso, o idioma e polo tanto os nomes de lugares, entón a xente de fóra (e os de aquí que queren falar como eles) deberían respectalos.

Por outro lado, os españois intentan defender isto dicindo que lles costa pronunciar palabras como Sanxenxo ou Rianxo pero, polo contrario, a Shakira non lle cambian o nome. Mentres tanto, as galegas temos que aguantar diariamente que no tempo do noso teléfono móbil poña “Rianjo”, nas fotos de Instagram “Sanjenjo” ou en algúns carteis “La Coruña”.

É dicir, a opresión por parte do pobo castelán ao galego é algo obvio. Se nós temos unha maneira de designar a determinados lugares galegos, a xente de fora debe respectala e usala desa maneira. Que institucións como a RAE afirmen que a maneira correcta de dicir os topónimos galegos en castelán é a castelá, afecta á identidade e á normalización do galego. Isto é algo tan común que, mesmo persoas galegofalantes os cambian ao falar en castelán.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.