Imaxe de cabeceira
Axenda cultural
Unha primavera para Aldara, de Teresa Moure, representada por Airiños (por Laura Sobradelo)

A obra teatral “Unha primavera para Aldara” sitúase no 1468 nun convento de Galiza, no momento en que transcorrían as revolucións irmandiñas.

A obra comeza con Sabela e Xoana falando dos malos tempos que acontecen no seu país. Sabela é a noviza do convento, cunha mente moi imaxinativa ata o punto de rozar a inconsciencia, ten unha perspectiva da realidade diferente ao resto das monxas. Xoana é unha monxa moito máis realista, pero tampouco cumpre o prototipo de devota cristiá dende o primeiro minuto da representación.

Os cabaleiros que loitan cos irmandiños encárganse de sementar o terror. Cóntase que todos os fillos primoxénitos das parellas de recén casados, nacen con cara de cabaleiro. Hai unha infinidade de malos tratos e violacións.

Aldara é a abadesa do convento, unha muller moi preocupada polas súas monxas e as cuestións sociais e non tanto polo culto a deus. Ela é consciente do que ocorre, polo que ao comezo da obra prohíbelle a Karola (a boticaria do convento) saír, xa que unha muller fai 500 anos tiña que andar con medo, aspecto que non cambiou demasiado na actualidade. Outra das preocupacións que tiña Aldara na cabeza era a da protección de Elvira.

Elvira era a que se encargaba de levarlle a comida do exterior diariamente, polo que tiñan un trato moi próximo a ela. A muller “un día si e outro non” chegaba con golpes e toda mazada, polo que Aldara dende o convento mandaba cartas regularmente ao xuíz denunciando a situación, as cales sempre eran contestadas dicindo que “son problemas de parella”.

O nó da obra comeza cando chega ao convento un cabaleiro irmandiño malferido co seu axudante, rogando axuda. Créase unha disputa entre as monxas, sobre que norma de deus é máis forte, axudar ao próximo, ou que non entren homes no convento. Aldara o que dúbida é se ese cabaleiro lle poderá facer algún dano ás monxas do convento ou se a axuda que pide é verdadeira. Chegan á solución de que lles axudaran, pero que a noite a deben pasar no palleiro.

Todas as monxas acaban fascinadas cas historias que conta o cabaleiro, o cal di que a pesar de que son conscientes de que as posibilidades de gañar son poucas, loitan por  uns ideais. Pero Xoana acaba máis fascinada polo axudante, Pedro, do cal queda en cinta. Aldara acaba descubrindo que o cabaleiro é en realidade unha muller, chamada Nona, e acaban namorándose. Aldara sabe que ese amor non está permitido, por iso cando a súa amada abandona o convento faille prometer que o día da súa morte lembrarase dese fermoso  amor que tiveron. Aldara non obriga a Xoana a abandonar o convento e o bebé que ten é unha rapaza, coidada e moi querida por todas.

O problema xorde cando ao convento chegan dous homes relixiosos para investigar o que ocorre, xa que Aldara non cobraba os cobros para o mantemento do convento, pois dicía que se o fixera sería tan ruín como os señores. Neses días chega Elvira pedíndolle a Aldara que lle lera unha carta que lle chegara do xulgado, a carta é lida por un dos freis en voz alta, nela dicía que Elvira e os seus nenos podían trasladarse a vivir ao convento polos malos tratos sufridos, cunha orde de afastamento de 100 pasos e que o seu matrimonio quedaba roto. Os relixiosos escandalízanse ao saber que Aldara lle dedicaba tempo a asuntos de parella. Eses señores dedícanse a escribir todo canto acontece e ameazan a abadesa con cerrar o convento. Karola traizoa á Abadesa e cóntalle todo o acontecido, ademais deciden esaxeralo “todas as monxas fornicaron co cabaleiro hospedado no convento, por iso coidan a rapaza como se fora filla de todas, pero a nai biolóxica da rapaza é a abadesa”.

Nese intre chega Pedro con Nona morta e di que lle pediu que lle dixera a Aldara que o seu último pensamento fora para ela. Aldara completamente rota confesa todo e di que Nona era unha muller, que namorou dela e que ante Deus o cariño non é pecado, pecado é o interese individual e a maldade e bota fora do convento aos relixiosos.

 

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.