Imaxe de cabeceira
Varia
Vítimas e verdugos (por Irene Fernández)

Hai uns meses, vin no xornal un artigo de Cristina Gulías Ogando e decidín escribir este texto tratando o mesmo tema do ela falaba: os feminicidios.

Amencemos día si e día tamén con preocupantes noticias: unha máis de nós foi asasinada. Outra muller máis, cuxos soños e ilusións lle foron arrebatados. Outra muller máis, cuxos padres terán que sufrir a máis horrible dos pesadelos: enterrar a unha filla. Outra muller máis, vítima dun sistema patriarcal que non busca solucións. Outra muller máis, vítima desta sociedade.

Hai unhas semanas, na gala dos Goya, a directora premiada Arantxa Echevarría afirmou no seu discurso que o grao de madurez dunha sociedade mídese polo sitio que ocupa a muller nela. Isto debe provocar no espectador unha reflexión: que lugar ocupamos as mulleres na nosa sociedade? Observando feitos como a existencia do teito de cristal, a idealización vendida en anuncios e películas ou a sentencia do caso da Manada, podemos facernos unha idea do papel que se nos atribúe.

Sorprendémonos cando outra muller máis é asasinada, pero transmitímoslles ás nosas fillas que ese rapaz pégalle porque lle gusta ou que se non se maquillan, ningún mozo se fixará nelas. Todas estas ideas contribúen a crear na mente das cativas un sentimento de inseguridade cheo de prexuízos; do mesmo modo que se cría aos nenos na mentalidade da brutalidade e a violencia, reforzando así un sentimento de superioridade. Isto fará que na idade adulta homes e mulleres ocupen o papel inculcado polos seus proxenitores. Polo tanto, é necesario educar ás novas xeracións dunha maneira correcta para evitar máis feminicidios.

Cabe mencionar que música e televisión tampouco axudan á hora de construír un mundo igualitario no que non se nos asasine. Cantantes como Maluma, Kidd Keo ou Bad Bunny (si, todos eles homes) reflicten nas súas cancións os estereotipos machistas da sociedade, sendo exemplo disto unha canción do último titulada Mía (Miña, en galego), na que se alude á posesión da muller por parte da súa parella. Mentres a sociedade reproduza as letras destes artistas, non conseguiremos acabar cos feminicidios.

Debemos avanzar como sociedade: ningunha máis de nós debe ser asasinada. Ningunha máis debe ver arrebatados os seus soños e ilusións. Ningunha máis debe ser enterrada polos seus pais. Ningunha máis debe ser vítima deste sistema patriarcal. Ningunha máis debe ser vítima desta sociedade.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.