Imaxe de cabeceira
Varia
Animais (por Irene Fernández)

Os animais. Eses seres tan interesantes, obxecto de numerosos refráns populares, como matar dous paxaros dun tiro ou coller o touro polos cornos, nos que podemos observar claramente o papel dos animais durante moito tempo na nosa sociedade.

Pero antes de profundar no tema, farei unha pregunta: cantas persoas viven con animais? Quizais sexa sorprendente que utilizara o verbo vivir cando normalmente se emprega o verbo ter. É ben sinxelo de explicar, como persoa que convive con animais día si e día tamén, do mesmo xeito que observo a situación precaria dos seus dereitos, considero que o verbo ter connota posesión, polo que podemos ter unha camiseta, unha casa ou unha leira, pero dende logo non penso que poidamos ter un animal.

Debemos facernos unha pregunta: en que situación se atopan os dereitos dos animais na actualidade? Empecemos por unha experiencia persoal: dende pequena observo como tratan as persoas maiores aos gatiños ou aos cachorros. É unha escena común no rural galego, mais acaso as autoridades actúan para erradicar esta práctica? Creo que non é necesario respostar.

Na nosa sociedade atopamos tantos puntos de vista sobre os animais como persoas, dende xente que os considera simples obxectos ata relixións que inclúen a súa veneración, como é o caso do hinduísmo, o cal considera ás vacas sagradas. Se buscamos exemplos fóra da relixión, podemos atoparnos coa existencia de partidos políticos, como PACMA -non exento de polémica-, defensores dos dereitos animais. Como curiosidade, e para exemplificar o cambio que se está a producir na sociedade, citarei que nas últimas eleccións andaluzas, PACMA duplicou os seus anteriores resultados. Alguén me podería contestar a isto contrapoñendo os datos sobre asociacións a prol da caza, mais o número dos seus retrógrados partidarios é mínimo en comparación cos defensores dos animais.

Relacionado con isto último, atópase o tema da tauromaquia, cuxos detractores, entre os que me inclúo, expoñen a súa animadversión a un maltrato consistente en infrinxir sufrimento ao touro ata causarlle a morte. Sendo franca, non podo chegar a comprender aos defensores desta tortura, que parece máis unha actividade do medievo que do século XXI. Xa no século XVIII, o escritor ilustrado Jovellanos dicía no seu ensaio Espectáculos y diversiones públicas que este espectáculo estaba (e está) falto de humanidade e razón, e que non se lle podía chamar diversión nacional porque non toda a nación estaba de acordo con estas prácticas.

Un gran tema de controversia son os experimentos con animais. Argumentarei a miña posición en contra con cinco argumentos: non é ético condenar de por vida a cen millóns de animais, que pensan e senten, a unha gaiola de laboratorio e causarlles dor, soidade e medo deliberadamente; é unha mala ciencia, de feito, a Administración de Alimentos e Fármacos dos EEUU informa de que noventa e dúas de cada cen drogas que pasan as probas en animais, fallan nos seres humanos; é ineficiente, pois os experimentos en animais prolongan o sufrimento das persoas en espera de curas eficaces por falsos científicos e o gasto de cartos, tempo e recursos que poderían ser utilizados en investigacións humanas relevantes; é un método arcaico, de feito, científicos cun pensamento innovador desenvolveron métodos de investigación sen animais modernos, humanos e eficaces, incluíndo a microdosificación en humanos, as tecnoloxías in vitro, os simuladores de pacientes humanos e sofisticados modelos en ordenador, máis baratos, rápidos e exactos que as probas en animais; e finalmente, o mundo non precisa desesperadamente outra sombra de ollos nova, outro xabón para as mans, máis pesticidas ou un novo ingrediente de comida.

Finalmente, o último apartado que me gustaría tratar é o tema do veganismo. Comecemos cun simple dato: segundo un estudo realizado no Reino Unido, para que os seus habitantes sigan unha alimentación cunha cantidade moderada de carne, leite e ovos, ademais de froitas e verduras, precísanse once millóns de hectáreas. Se todos eles deixaran de comer animais e os seus derivados, chegarían tres. De feito, os beneficios da dieta vegana son numerosos: é máis fácil manterse nun peso saudable, reduce os riscos cardiovasculares, axuda a controlar as alerxias, aumenta a esperanza de vida, e, o máis importante, beneficia ao medio ambiente. Exemplificarei isto último coa cita de Horacio: atrévete a ser sabio! Deixa de matar animais!

Debemos reflexionar sobre a situación actual dos dereitos dos animais e loitar por un futuro sen asociacións de caza, por un futuro sen touros, por un futuro sen animal testing e por un futuro vegano. Por un futuro no que en lugar de matar dous paxaros dun tiro e coller o touro polos cornos, digamos alimentar a dous paxaros cunha bola ou coller as flores polas espiñas.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.