Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
Animais (por Camilo Basadre)

En todos os lugares un pode ver animais morrendo de fame, sen fogar, con enfermidades, sucios, é dicir, abandonados. Os máis afectados son os cans e os gatos.

Antigamente o maltrato aos animais era considerado como algo normal, xa que sobre todo algúns deles eran utilizados para traballos de carga e só se vían como iso. Hoxe en día podemos dicir que a situación mellorou bastante, pero aínda así hai persoas que teñen mascotas que para eles son coma un xoguete e hai xente sen escrúpulos á que, dun momento a outro, non lle importa abandonar o seu animal de compañía, desfacerse de el. Eu aínda non consigo entender como estas “persoas”, se é que se lles pode chamar así, poden actuar con tal baixeza.

A min, que gozo deles  e me encantan os animais, ademais de consideralos coma un máis da familia, resúltame impensable deixalos na rúa, separarme deles. Dende o meu punto de vista, sería comparable a abandonar ao meu irmán ou ao meu afillado, a unha persoa, xa que non por teren catro patas importan menos.

Xa non ten nome cando a cousa non só queda no abandono, senón que se permite o maltrato, pegar ou ferilos simplemente porque consideran que son do seu poder e, polo tanto, están lexitimados a facer con eles o que queiran. Isto resulta equiparable a calquera maltrato que se poida realizar a unha persoa, xa que son seres vivos que, aínda que non poidan expresarse, poden sentir e sobre todo senten a dor física.

Finalmente, se vemos pola rúa ou, no peor dos casos, coñecemos a alguén que maltrata os seus animais, non debemos pasar por diante sen máis ou facer a vista gorda, senón que debemos denunciar a estes maltratadores para que non se crean que poden descargar a súa furia ou os seus problemas pegándolles as súas mascotas.

Intentemos querer os nosos animais coma eles nos queren a nós, e concienciemos os máis novos de que non son xoguetes, que son seres vivos aos que hai que tratar con respecto. Coma sempre, hai que predicar co exemplo e, deste xeito, estas tristes situacións serán cada vez menos frecuentes no futuro.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.