O pasado sábado vinte tivo lugar na sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo, ás oito e media da tarde, a obra de teatro Pelos na lingua, cuxo elenco estaba formado por Toño Casais, María Ordóñez e Artur Trillo, do grupo teatral Talía, á que asistín, ao igual que moitos dos meus compañeiros e compañeiras.
Probablemente o lector ou lectora estea a preguntarse sobre que trata o espectáculo, mais con ese título non é moi complicado adiviñar o tema da obra: a lingua (galega). Como o propio grupo indica, está destinada a todo o mundo, independentemente da súa posición respecto á lingua: aos galego falantes, aos que non o son, aos que queren selo pero non se atreven, aos que si queren selo e tomaron esa determinación, aos que non o falan porque non o saben falar ben, aos que lles dá igual que se fale ou non, aos que pensan que o galego debería ser a lingua universal, aos que pensan que o inglés debería ser a lingua universal, aos que cren que a maioría dos galegos falan castelán, aos que cren que a maioría dos galegos falan galego, a políticos, a mestres, a alumnos, a actores, a actrices, a carpinteiros, a carpinteiras, a todos e a todas. Ao mundo enteiro, independentemente da súa lingua.
A continuación, vou contar a obra escena por escena. Digo isto para que sirva como aviso a navegantes para que, se alguén quere desfrutar da mesma, se dirixa ao último parágrafo para non ter que sufrir un spoiler. A obra comezou coas dúas personaxes masculinas explicando que ían “falar dela”, referíndose á personaxe feminina, vestida co traxe tradicional galego, que saíu de detrás do biombo, a cal, simbolizaba a lingua galega. Logo, esta, comezou a quitar a roupa que levaba, para deixar ver un vestido negro co que interpretou a unha moza que discutía cos seus proxenitores, pois acababan de saber que a súa filla, castelanfalante durante toda a súa vida, nada máis chegar a Santiago, entendendo aquí que se atopaba estudando na Universidade, comezara a falar galego. Esta situación deulles pé para amosarlle ao público algúns dos prexuízos máis comúns contra o galego: o galego é un idioma imposto (os pais dinlle que é pola imposición del gallego) ou a falta de utilidade do galego (con el gallego no vas a ningún sitio). Ademais, cando ela lles responde en galego, eles dinlle que parece que ten pelos na lingua.
Na seguinte escena, as personaxes de Toño Casais e Artur Trillo reflexionan sobre como se sabe se un está enfermo de lingua, tendo pelos na lingua? Cabe destacar que esta afirmación será mencionada múltiples veces no desenvolvemento da obra. A continuación, a seguinte situación que se representa é a dunha clínica á que acode un home co desexo de quitarse o galego: é unha sensación horrible, coma se tivese pelos na lingua. Unha vez que os médicos actúan, o home comeza a falar castelán, mencionando que se sente máis profesional, pero en canto intenta falar inglés, non é capaz de pronunciar ben palabras como Shakespeare ou show, pois o galego comparte fonemas coa lingua inglesa que no castelán non están presentes.
Despois dunha aparición que recrea como un adestrador de fútbol lle fala en galego aos seus xogadores e un pai lle traduce todo ao seu fillo, o cal di que é por culpa das manías nacionalistas, se non pensas coma eles péganche, expoñendo outro prexuízo (o galego como marca ideolóxica e política), ten lugar outro número no que aparece un ladrón, falando en castelán e representando ao mesmo, intentando roubar o ordenador dun home, pero aparece Supergalega para evitalo. Este foi un dos momentos nos que máis rin e nos que percibín máis gargalladas, pois na loita entre ambos utilizaron cancións: pola parte do castelán, Y viva España, de Manolo Escobar, que para Supergalega era un son irritante, estrondoso e imposible de aturar; mentres que, Supergalega, ao mesmo tempo que golpeaba ao seu inimigo bailando unha muiñeira, utilizou unha canción tradicional galega da que non lembro o nome.
Parodiando os programas de misterio, o seguinte sketch foi o que trataba os grandes enigmas galaicos, centrándose na razón pola que os camareiros galegofalantes se dirixen aos clientes en castelán, situación que identifiquei co prexuízo da caracterización pexorativa do galego e a incompetencia dos seus falantes. O misterio resólvese cando a audiencia repara no feito de que cando alguén colle a bandexa, en lugar de dicir leite, di leche. O presentador finaliza o programa dicindo que na próxima entrega resolverán o misterio da aparición dun galegofalante no centro de Vigo.
Unha das miñas escenas favoritas foi a seguinte: un pai e unha filla castelanfalantes fan unha visita á Cidade da Cultura para ver ao último falante do galego. O pai quere que o home lle fale en galego á súa filla, pero vale cincuenta euros, ao que o proxenitor, ante a indignación por ter que pagar, responde coas seguintes afirmacións: pero si es una lengua cooficial; así hablaban los abuelos de mis abuelos; nostros somos galleguiños; yo soy bilingüe lo entiendo perfectamente; ¿Quiere privarle de su propia lengua?; Qué dulce y melodioso suena el gallego. Creo que xa non fai falta explicar que esas declaracións corresponden a prexuízos. Finalmente, cando o pai se dirixe a protestar, a nena fálalle ao home en exposición en galego, pois sabe falalo grazas a que o seu bisavó faláballe en galego.
A continuación, hai unha sucesión de números breves: unha muller que afirma que non fala ben o galego, ao que dous homes lle contestan anda, que o castelán!; dúas rapazas andando en bicicleta que se interesan por un home ata que o oen falar galego; un home que lle pide á funeraria que a necrolóxica sexa en galego ao que lle responden, en castelán, que están falando de cousas serias; un médico de Colombia que escribe unha receita en galego, mentres que a paciente, de Lalín, quere que estea en castelán; dous amigos falando, en galego, nun bar sobre que eles enténdense perfectamente en español; e un xornal no que figura a lingua dos criminais (galego).
O penúltimo sketch trata dunha nena que escoitou que os nenos están perdendo a lingua, sobre todo nas grandes cidades. Para non perdela, o que fai é falar moito, chegando a cantar unha canción infantil en galego. Finaliza comentando que non vai perder a lingua nin en soños.
Finalmente, o público observa aos alumnos dunha escola privada nunha manifestación en contra da “imposición” do galego, xa que resúltalles moi complicado estudar na nosa lingua e que incluso os número son distintos. De súpeto, a rapaza comeza a falar galego, e, de feito, afirma que na casa fala galego co seu avó, ao igual que un dos seus compañeiros, pero como ninguén fala galego pois non o falan. Unha vez que os tres confirman que usan a nosa lingua, comezan a cantar a canción de Bóla de Dragón, momento no que fartei de rir.
Para finalizar, enumeran unha serie de ámbitos para usar o galego, que veñen sendo todos os posibles, alegando que fales o galego para a situación que queiras, pero que o máis importante é falalo.
Se ti, lector ou lectora, chegaches ata aquí, parabéns; pero se seguiches as miñas indicacións e viñeches ata este último parágrafo para escoitar a miña opinión sobre a obra, grazas por non ignorarme. Pareceume unha obra moi amena e sobre todo moi interesante pois amosa situacións reais nas que se dan prexuízos contra o galego. Ademais, tendo en conta que xusto esa semana estiveramos estudando os prexuízos lingüísticos na clase de galego, serviume para ver a teoría aplicada á realidade. Recomendaría sen dubidalo esta obra, pois, a través da risa fai que unha reflexione sobre a situación da súa lingua, e, como dixeron no espectáculo: utiliza o galego nas situacións que queiras, pero faino!
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]