Imaxe de cabeceira
Fomento da lectura / Eu xa o lin
Verbas viaxeiras…

amote leo a

Supoño que a moitos da miña quinta lles soará unha saga de novelas titulada Ámote Leo A. e a quen non, a que agarda para descubrila? Non se arrepentirá.

Mais deixemos de lado ese ton publicitario que está collendo esta modesta reseña literaria, pois do que veño falar non é só do marabillosa que é esta lectura, senón do que pode cambiar un libro diante dos ollos dun lector que medrou e madurou.

Como moito do alumnado que agora cursamos segundo de Bacharelato, eu tamén tiven que ler os dous primeiros tomos desta saga novelesca escrita polas talentosas mans de Rosa Aneiros. Recordo moi ben as tardes de hai catro anos, mergullada nas páxinas dunha novela que para min parecía longuísima daquela, pero que me estaba a fascinar a cada palabra.

Estes tres libros cóntannos a historia de Leo, unha moza que decide viaxar polo mundo adiante, cumprindo o seu soño de ir aos lugares máis icónicos e aos máis insólitos. Pese a que no último momento os seus mellores amigos deciden botarse atrás, Leo decide non renderse, sente que pode comer o mundo… Mais a vida, por desgraza ou por fortuna, non é un leito de rosas nin moito menos. Non serán poucos os obstáculos e problemas cos que esta moza aventureira teña que lidiar. A viaxe tampouco resultará como ela pensaba. Converterase nunha travesía incerta, na que esperta día a día sen saber cara a onde viaxará ao día seguinte, e estreitamente ligada aos sus sentimentos e emocións, que acadarán magnitudes que nin ela mesma imaxinaba. Daralle voltas e máis voltas a todo ese caos que é a súa mente, pero o que realmente ocupará a súa cabeciña será unha misteriosa mensaxe que aparece alí a onde vai: Ámote Leo A.

Quen a escribe? Ese misterio deixo que o resolvades vós.

Durante a lectura, eu viaxei con Leo. Impresionábame súa valentía para deixar todo atrás e botarse ao mundo. Dicíame: “Eu tamén, algún día, eu tamén.” A típica tolería dunha rapaza de trece anos. Quedaba fascinada cada vez que describía os lugares que visitaba e moita veces lía tres, ou catro, ou cincuenta veces a mesma liña, coma se de tanto lela puidese formar na miña mente a imaxe daqueles lugares que eu devecía por coñecer. Tantos destinos… Leo sentíase como unha nena nunha tenda de larpeiradas e eu igual, aínda que con certa envexa agochada no fondo do meu pensar.

Polos azares da vida, a triloxía aventureira quedou a medio ler e, de milagre, un día reparei nese último libro que levaba a agardar por min catro anos na estantería do meu cuarto. Penseino e, sen dubidalo nin un segundo máis, decidín lanzarme de novo á aventura e ler o último libro.

Pero non resultou como eu esperaba.

Cando me atopaba lendo esta novela que pecha unha máxica triloxía, non me sentía como hai catro anos. Os pensamentos que cruzaban a miña mente como lóstregos non eran os mesmos.

Decateime de que eu xa non me paraba tanto a ler con detalle as descricións dos lugares que Leo visitaba, senón que analizaba a visión da moza acerca desas cidades e vilas. A ruptura dos típicos clichés e estereotipos, a profundidades dos pensamentos de Leo, a enorme expresividade…

Decateime que non só lía un libro catro anos tarde, senón que o facía con outros ollos. As miñas ideas, opinións, punto de vista… Todo cambiara estrepitosamente nos últimos anos e iso notábase agora, diante de algo que me ataba a un pasado non moi afastado de min, pero si completamente distinto da persoa que son agora.

Impresionoume como uns anos de por medio poden cambiar tanto a un lector.

Con todo isto, non quero dicir que non desfrutase da lectura, nin moito menos. Rosa Aneiros segue tendo para min esa máxica capacidade de transmitir a sensación de estar vivindo nas súas historias. Eu aínda noto o vento que brúa nos meus ouvidos e invade a miña cabeza, sen querer marchar.

Se o ledes, xa me entenderedes…




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.