Imaxe de cabeceira
Sabías que...
Unha familia rianxeira, claro exemplo da evolución das mulleres

Por  Sara Tubío Rial (3º ESO A)

Ao longo da historia o papel da muller na sociedade cambiou considerablemente grazas aos actos reivindicativos e as loitas por parte deste colectivo para acadar a igualdade entre ambos sexos. Feito que se conmemora o día 8 de marzo.

8 de marzo

No ano 1910 en Dinamarca declarouse o 8 de marzo como o “Día da Muller Traballadora” recordando que ese mesmo día en 1857 un grupo de obreiras de Nova York decidiron facer unha folga para protestar polas duras condicións nas que traballaban. Máis tarde, no ano 1975, a Organización das Nacións Unidas aproveitou esta data para establecer ese día como o Día Internacional da Muller e desde entón conmemórase con diversos actos ao longo do mundo para reivindicar dereitos como: a igualdade salarial, a mellora nas condicións laborais e ter as mesmas oportunidades que os homes.

As mulleres rianxeiras

Un claro exemplo dos cambios do papel da muller na sociedade actual son as mulleres da miña familia. Miña avoa, de 79 anos foi ao colexio no edificio do actual concello de Rianxo onde había unha clase para homes e outra para mulleres aprendendo só a ler, escribir e a facer as operacións básicas. Como a meirande parte das mulleres rianxeiras dedicábase ao marisqueo, ao coidado da casa, dos animais e da horta sen apenas recibir remuneración de ningún tipo. Na seguinte xeración, miña nai, estudou EXB en Rianxo pero tivo que desprazarse a Padrón para cursar o bacharelato; foi afortunada pois apenas dez rianxeiros podían permitirse ese luxo. Emigrou recen casada aos Estados Unidos, onde permaneceu trece anos para traballar como operaria nunha fábrica téxtil. Ao volver a Rianxo continuou desempeñando o mesmo oficio ata hai cinco anos que, por mor da crise, a fábrica na que traballaba despediu a case todas as súas empregadas. Agora mesmo é ama de casa e coida da familia.

A seguinte na liña xenealóxica é miña irmá Mª Teresa, de 35 anos, a primeira muller universitaria da miña familia. De feito, cursou dúas carreiras; xa que como o resto da súa xeración necesitou ter unha ampla formación para poder acceder a un posto de traballo. Actualmente é mestra de primaria no CEIP ADR Castelao de Rianxo.

Entrevista a Mª Teresa Tubío Rial

- S: Por que decidiches ser mestra?
- MT: En sétimo de EXB, despois de vivir catro anos en EE.UU. , os meus compañeiros de clase sempre me preguntaban as súas dúbidas de inglés e a raíz diso deime conta de que me gustaba ensinar e decidín que de maior quería ser mestra de inglés.
- S: Cabe supoñer que non te arrepintes da túa decisión?
- MT: Non, gústame moito a miña profesión. Cos anos, decidín cambiarme de mestra de inglés a titora de primaria.
- S: A que se debeu ese cambio?
- MT: Non me convence como está estruturada a ensinanza do inglés, na que sempre estamos ensinando os mesmos eixes temáticos. Na titoría, ademais dunha relación máis estreita co meu alumnado, podo utilizar o inglés de forma máis significativa para eles. De feito, gustaríame poder utilizar máis esta lingua coa rapazada, impartindo algunha materia en inglés.
- S: Que feitos salientarías da túa carreira profesional?
- MT: O descubrimento dun novo mundo “as bibliotecas escolares”. Fun coordinadora da biblioteca escolar varios anos, conseguindo xunto cun equipo de mestres, formar parte do Plan de Mellora de Biblioteca Escolares de Galicia. Tamén participei e coordinei tres grupos de traballo que gañaron o concurso exposición sobre o autor das Letras Galegas. A semana pasada comunicáronnos que gañaramos tamén este ano.
- S: Que opinas sobre o papel da muller na sociedade de hoxe en día?
- MT: Creo que os logros conseguidos foron moitos e moi importantes. Aínda me sorprenden as actitudes machistas presentes na sociedade e que, por desgraza, están asimilando os nosos pequenos.
- S: Na túa profesión hai igualdade entre homes e mulleres?
- MT: Creo que o funcionariado é onde menos se notan as diferenzas entre sexos, xa que as nosas obrigacións laborais e remuneracións son idénticas.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.