Por Uxía Rial – 1ºBach
Todas as linguas teñen a súa orixe e a súa particular evolución, todas e cada unha delas narran unha historia, é por elas que conservamos e sabemos hoxe en día parte do noso pasado, fermosas fábulas e contos, que de non ser redactados non coñeceríamos nos tempos actuais debido á pérdida na transmisión oral. Grazas aos idiomas podemos contar as nosas anécdotas a un amigo, pedir axuda cando a necesitamos ou mesmo dar os bos días nunha temida mañá de luns.
Non podo entender á xente que despreza unha lingua, sexa cal sexa, sinceramente cóstame entender os motivos ou razoamentos que poden levar ao rexeitamento dalgún idioma. Cada un ten as súas palabras específicas, esas que non teñen outros, cada un acompaña as persoas dun determinado lugar no seu día a día e transmite as historias dos seus antepasados, por iso, eu pregúntome que fai a un idioma mellor que outro? A miña resposta é que esa pregunta non ten solución posible. Poñamos un exemplo, o francés, o castelán, o italiano, o galego, o catalán… Todas estas linguas proveñen do latín, teñen a mesma orixe. Agora sentemos a un grupo de expertos a razoar sobre cal é a mellor e sinceramente creo que lles daría a risa ante tal pregunta.
Non hai linguas mellores que outras, pero si algunhas que gozan de máis prestixio, non polo idioma en si, senón polo pobo á que pertence, pola fama que se lle atribúe.
Aprendemos inglés dende moi novos na escola, e mesmo antes de entrar nesta, ensínannos que é a lingua que precisamos na nosa vida porque é a que nos axudará a comunicarnos con xente doutros países, aquela que nos axudará a encontrar un traballo no futuro; pero por qué é o inglés e non calquera outra? Que o diferencia das demais linguas? Se fose por xente ca que comunicarnos sería o chinés, incluso o castelán; así que, sendo realistas, estudamos o inglés porque se lle atribúe un prestixio que outras linguas non adquiriron, pois é un idioma que ven dos Estados Unidos, cun forte peso económico e gran prestixio.
Centrándonos en España, podemos ver como o castelán ten un prestixio do que o catalán o galego ou o euskera non gozan. Vivindo en Galiza, vemos a situación de minorizacición, desigualdade, e diglosia que está sufrindo a nosa querida lingua; pero por que sucede isto? Eu considero que pola pouca apertura de mente da que gozan algúns e a ignorancia que posúen moitos outros, xa que o lóxico sería que vivisemos nun mundo no que calquera persoa se vise ilusionada por intentar aprender calquera idioma, porque se coñeces este, acércaste á cultura doutros pobos, e enriquéceste culturalmente.
Todas as linguas son importantes e mentres haxa xente que siga falándoas e queréndoas, gozarán de prestixio e seguirán vivas, conservo a esperanza de que algún día estes artigos pertenzan a un lonxano pasado.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]