Por Aldara Tubío Pereira (2º BAC B)
Lendo Sempre en Galiza, a magnífica obra ensaística de Castelao, teño a sensación de estar lendo un libro que acabase de saír do prelo. Esta obra abarca maiormente o problema que sofre Galiza de atoparse sempre relegada a un segundo plano dentro do que é a actual España, gobernada polas xestións das políticas centralistas que esquecen a gran pluralidade existente dentro do que se coñece como Estado español. Debemos lembrar que dentro da unidade política española atopamos diversos pobos que contan cunha idiosincrasia que lles é propia a cada un deles, como é o caso de Cataluña, o País Vasco ou Galiza. O caso de maior actualidade sería o problema catalán, pobo que busca alzarse como Estado independente. Xa Castelao nesta obra publicada no ano 1944 propuña unha solución a este problema que agora volve a soar con forza en certos sectores políticos. Cal era pois esta solución? Constituír unha
España federal na que se combinase dentro do Estado os diferentes intereses materiais e morais dos pobos. Posto que el consideraba o Estado centralista como unha tapadeira do absolutismo político, cultural e económico, que en boa parte é o mesmo que consideran esas voces que escoitamos a día de hoxe reclamando a independencia. España sería polo tanto un único Estado constituído polo libre consentimento de Cataluña, Castela, Euskadi e Galiza, podendo concentrarse autonomías dentro destas nacións.
Centrándonos agora en Galiza vénnos á mente un caso que estivo de plena actualidade hai un tempo na nosa vila rianxeira : o problema do xeito. O que sucedeu neste caso foi que, como ben nos di Castelao nesta obra, existe un completo descoñecemento por parte dos gobernantes de cales son as realidades existentes en Galiza. Como todos sabemos, a nosa terra conta cunha costa moi fértil na que se desenvolve unha gran actividade pesqueira, que é ademais un dos seus principais ingresos. E que, para máis engadir, existen unha gran variedade de actividades pesqueiras debido ás grandes diferenzas existentes entre unha ría e outra. Ben, pois non ten máis que dicir que pouco saberán disto os que se atopan no interior da meseta gobernando ós habitantes daquela pequena esquina da gran Península Ibérica. Cal é pois, o maior problema disto? Que os actuais gobernantes de Galiza, pertencentes a un partido centralista, non só saben ben pouco ou nada sobre o asunto, senón que tamén se interesan ben pouco ou nada por saber.
Cal sería de novo a solución que Castelao lle daría a este problema? Pois a mesma solución que propuña ao problema existente na época cos minifundios galegos, que se atopaban baixo a lexislación da reforma agraria implantada polo goberno da IIª República, completamente centrada en solucionar o problema existente cos latifundios casteláns esquecendo de novo as particularidades galegas. Este autor rianxeiro poñería o grito no ceo reclamando o espertar dos galegos. Repetiría unha e outra vez a capacidade desta nosa terra para se gobernar a si mesma e mesmo a España enteira, como xa fixera en tempos dos nosos antepasados; e a necesidade de facelo. Loitaría de novo en nome de todos os galegos como xa fixera en tempos da IIª República para facer de Galiza un lugar mellor, máis xusto e máis libre para todos os seus habitantes.
Castelao non dubidaría á hora de defender á xente que máis o precisa, antepoñendo iso a calquera outra cousa. Mostraríanos unha vez máis que fose nas circunstancias que fose, e pasasen os anos que pasasen, el estaría Sempre en Galiza.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]