María, Aldara, Aida e Tofik
O pasado luns día 28 de abril fomos, o alumnado do noso IES, ao instituto Perdouro de Burela para realizar a actividade do Intercambio que vimos facendo tradicionalmente.
Aquí vos deixamos a nosa crónica (con enlace á gravación do programa de radio feito en directo durante a actividade)
Saímos do instituto ás 8:44 e chegamos ás 11:30 a Cervo. Ao chegar alí fomos ver a un orfebre (Estéfano Gudín) que nos explicou como facer cerámica con barro. E ademais escoitámolo falar coa variante da súa zona (o galego asturiano). Logo ensinounos unha sala onde tiña diferentes pezas xa preparadas para a venda e agasallounos con algunhas delas.
- Bernardo Penabade explicando, na entrada de Sargadelos, o significado do mural
Despois fomos ver o edificio da coñecida fábrica de Sargadelos onde vimos unha ampla exposición de cerámicas xa preparadas para vendelas. pero antes diso o noso guía Bernardo contounos a historia de Sargadelos e vimos tamén unha mostra dos seus produtos, que xa case non se fan nesa fábrica.
Deseguido collemos o autobús para ir ao instituto Perdouro, onde nos agardaban os alumnos listos para facer un programa de radio en directo. E alí estivemos participando nun programa especial e en directo “DE BURELA A RIANXO A TRAVÉS DAS ONDAS!” dende a biblioteca do IES. Algúns de nós tivemos a sorte de poder participar e tocamos algunha peza musical, e recitamos poemas galegos en colaboración co alumnado de Burela.
Despois de rematar o programa e recoller todo, saímos a pé cara a unha área recreativa perto do mar, onde comemos, falamos e nos coñecemos ata á hora de marchar de Burela.
Pero para nós aínda non remataba a visita e antes de viaxar ata Rianxo paramos en Mondoñedo, onde un guía excepcional – o profesor e escritor Ramón Reimunde- nos ensinou a vila. Ao respecto da visita a esta vila quizais vos sorprenda que tamén nos levaron ao cemiterio, e a razón é que alí vimos as tumbas de Pascual Veiga, de Álvaro Cunqueiro e a de Leiras Pulpeiro (fóra dos muros), todas elas con fermosos epitafios. Tamén nos contaron un pouco da vida e obra de cada un destes persoeiros ilustres da nosa cultura.
Despois volvemos para a casa, cansados pero moi contentos.
Aquí podedes ver o vídeo que recolle a actuación de Aldara e Bernal Muíños interpretando a Foliada de Rianxo durante o programa de Radio Burela.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]