Imaxe de cabeceira
Fomento da lectura / Eu xa o lin
Far West quere dicir Galicia?

Por  Selena Bermúdez (2º Bac. A)

Far West é unha obra que presenta o choque da sociedade tradicional mitificada e representada baixo a figura do bardo e a sociedade actual desvinculada do ambiente rural e chea de prexuízos lingüísticos.

Si, estouvos falando dun poemario, non dunha novela do oeste. Un poemario no que se fai unha reivindicación da muller maltratada historicamente polo home e educada para servilo. Carlos Negro, autor desta obra,  presenta a figura feminina como unha sufridora nata que soporta a súa exclusión social e que á súa vez é o piar básico de toda sociedade pois ela soporta o peso dos fillos, da morte… Así mesmo convértese nunha carga para os seus fillos que, agora que teñen unha vida totalmente formada tenden a visitala moi de vez en cando ou suxírenlle que quede permanentemente na residencia pois “alí está mellor coidada”.

No lado oposto está a visión do home, ao que Carlos Negro lle  resalta a violencia como característica principal. Educado de forma totalmente distinta á da muller á que curiosamente trata diferente se é súa nai ou irmá ou se se trata dunha moza calquera dun bar.

Pero non é todo, porque esta obra tamén pretende facer reflexionar sobre os efectos da modernización nas xentes, que pouco a pouco van renunciando ás súas orixes rurais polo urbano, á súa lingua por outra imposta (símbolo de ascenso social e cultura) e en definitiva a unha tradición cultural e lingüística. A solución é, tal e como di ao principio da obra no poema de Antón Patiño e Xavier Seoane, facer unha relectura da tradición, facer unha reinvención do legado colectivo do pobo, pois nin todo o moderno é bo nin todo o tradicional é atrasado e desfasado, senón unha acumulación de sabedoría que debe ser reinterpretada baixo o contexto dos novos tempos.

En definitiva, Far West é un libro para a reflexión cuxo nome mesmo me suscita certas dúbidas, pois aínda que eu o relaciono con que Galiza se sitúa no mapa no oeste quizais o título entrañe algo máis que eu non conseguín interpretar. Pola grande calidade dos poemas e pola súa carga reflexiva considero que é unha gran obra e recoméndolla a aqueles aos que lles guste a poesía e aos que non lles guste tanto tamén, pois de seguro que a atoparán moi interesante.

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.