Imaxe de cabeceira
Fomento da lectura / Eu xa o lin
Contos de medo no museo

RAÚL MUÑIZ (1ºBAC-A)

O libro Contos de medo no museo consta de catro contos. Todos eles pertencen ao ámbito literario e, dentro deste, ao xénero narrativo, xa que neles cóntansenos historias de medo que teñen lugar nun museo. Nos contos “O botón encarnado”, “Sangue de gato negro” e “O pozo dos desexos” as historias están contadas por un narrador interno, é dicir, é o protagonista quen as conta e polo tanto están narradas en primeira persoa. Pola contra, no conto “O anel dos destinos cruzados” o narrador é externo , xa que non é o protagonista quen conta a historia e está narrada en terceira persoa.

O tema común a todos os contos é o medo, o cal vai estar reflectido en todos os protagonistas dos  relatos. Pero ademais deste tema,  en cada un dos contos danse outra serie de motivos en torno aos que xiran os acontecementos.

No conto “O botón encarnado”, de Marilar Aleixandre, destacan os seguintes: a Guerra Civil, reflectido no padriño de Elvira (maqui, antifranquista que continuou coa resistencia no monte), a confianza que sente Elvira por Daniel ata o punto de contarlle o segredo sobre o seu tío, o agradecemento reflectido en Elvira cando, grazas a Daniel,  evita os gardas.

En “Sangue de gato negro”, de Fina Casalderrey, destaca o tema da bondade cando Soíña renuncia a un anaco de vida por non facer mal a ningún rapaz, así como  a valentía de Soíña ao enfrontarse ao maligno, á bruxería e á Inquisición.

N´O anel dos destinos cruzados” de Xosé A. Neira Cruz destacamos o tema máxico-relixioso reflectido na peza, xa que se supón que o anel ten que ver con rituais de iniciación, prácticas sectarias ou segredos esotéricos. Tamén destaca a crueldade, como podemos ver na forma tan salvaxe na que foron tratados Lola e Osorio.

No último conto, “O pozo dos desexos”, de Antón Reigosa, destaca o tema  da superstición que, segundo o seu protagonista di,  non cre nela, pero polo sí ou polo non, se ningún mal lle pode traer, pensa os tres desexos.

Todos os contos coinciden no espazo, xa que en todos  eles a acción vaise desenvolver nun museo, aínda que n´O  botón encarnado” tamén se desenvolve nos montes onde continuaron os antifranquistas a resistencia.

En canto ao tempo, todos ocorren na actualidade pero, unha vez máis, n´O botón encarnado” hai un momento en que o protagonista, Daniel, vai aos anos corenta.

Os catro contos seguen a mesma estrutura. Contan cunha introdución onde se presentan os personaxes principais: Daniel e Elvira (“O botón encarnado”); Darío, Xurxo e Santos (“Sangue de gato negro”); Lola, Osorio, a figura sombría, o tenente Ferreiro (“O anel dos destinos cruzados”) e, por último, o protagonista do conto n´O pozo dos desexos”. Aquí tamén  é onde se nos mostra o espazo, é dicir, onde ten lugar a historia. Despois vén o nó, que é onde se desenvolve toda a acción, é dicir, o que lle vai pasar  aos protagonistas ata chegar ao desenlace, que é a parte na que se nos desvela o misterio. Por exemplo, n´O botón encarnado” sería cando Daniel recobra o coñecemento e ve que se encontra na sala 18 do museo cos seus compañeiros e coa súa profesora  de debuxo pero cun  botón encarnado na man. En “Sangue de gato negro”, cando Soíña lle pide a Darío que a leve á súa sala e regresa Xurxo ao museo. N´O anel dos destinos cruzados”, cando o tenente  Ferreiro se dá conta de que todos os que tocan o amuleto  morren,  polo que decide guindar todos os apuntamentos que escribira o doutor Ramos  sobre a súa restauración e alégrase  de vivir só. Por último, no conto “O pozo dos desexos”,  cando o protagonista atopa a  cabeza de Cascarilla, vai ver se o retrato seguía con ou sen cabeza, pídenos consello e que lle respondamos sobre o que debe facer, se  contarllo aos seus superiores ou calar.

Opinión

Os catro contos foron entretidos. Do conto “O botón encarnado”  gustoume a maneira en que a autora soubo introducir un tema tan importante  como  o mal que o pasaron os antifranquistas que continuaron a resistencia no monte durante os anos corenta. En “Sangue de gato negro” paréceme interesante destacar dúas citas que me gustaron bastante, cando lle di Xurxo a Darío: “nos cadros, coma nos libros, só se podía ver a sabedoría que levamos dentro” e “custodiar  obras de arte fai que remates meténdoas na túa retina con absoluta nitidez, sénteste un pouco o seu dono, o propio artista. Hai que deixar falar a arte sen importunala. Só se lle toca coa ollada”. Entendo que ás veces, para que che chegue a interesar algo, téñencho  que ir metendo pouco a pouco de pequeno. Do conto  “O anel dos destinos cruzados” sacamos en conclusión que cremos  que sabemos moito e non sabemos tanto, que a vida e a morte están cheas de misterios insondables e que cando alguén non nos dea boa espiña, hai que desconfiar. O que saco de proveito no conto “O pozo dos desexos” é  que non podemos fantasear   pois podemos acabar sendo vítimas das nosas propias fantasías e isto pódenos custar caro.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.