O programa ConCiencia, da USC, recibe a Sir Anthony James Legget, Premio Nobel de Física 2003 polas súas “contribucións pioneiras á teoría dos supercondutores e superfluídos”.
O título da conferencia é “Por que o tempo non pode ir cara atrás?” e terá lugar no Auditorio de Novagalicia Banco (Rúa Preguntoiro, 23, Santiago de Compostela) o xoves 7 de marzo ás 20:00. A entrada será libre, con tradución simultánea.
O Prof. Leggett proporcionou o marco teórico para a comprensión do fenómeno da superfluidez no Helio-3, un dos dous sistemas superfluidos coñecidos ata o momento.
Ademais desta contribución fundamental, a actividade do profesor Leggett abrangueu un rango particularmente amplo de temáticas da física da materia condensada. Destacan por exemplo as súas contribucións pioneiras para a compresión das interaccións entre sistemas cuánticos e macroscópicos, ou dos condensados de Bose-Einstein.
Conta ademais cunha notable formación humanística e interesouse profundamente por distinto aspectos dos fundamentos das teorías físicas.
Dende 1983 ocupa a prestixiosa cátedra MacArthur na Universidade de Illinois en Urbana-Champaign. Tamén é catedrático do Centro de Estudos Avanzados da mesma Universidade. Entre os numerosos premios de primeira magnitude cos que ten sido galardoado durante a súa carreira, son destacables o premio Fritz London (IUPAP, 1981) ou o premio Wolf de Física (2003). Foi nomeado Cabaleiro pola raíña Isabel II “polos seus servizos á física” (2004). Continúa mantendo unha frutífera actividade investigadora, como o demostran por exemplo os seus recentes estudos sobre as posibilidades de ordenamento magnético de espíns en sistemas bidimensionais (2011).
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]