O Premio Leixaprén, de recoñecemento á defensa e promoción da lingua galega, foi creado no ano 1999 a iniciativa do IES Poeta Añón de Outes e asumido pola Coordinadora Leixaprén de Equipos de Normalización Lingüística, que integraba distintos centros educativos das comarcas de Muros-Noia, Barbanza e arredores. A partir do curso 2011-2012, o premio pasa a ser organizado pola CGENDL, como unha actividade aberta á participación de todos os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de Ensino de Galicia, coa intención de lle dar continuidade ao obxectivo central co que naceu.
Este ano os candidatos son:
- A-1 SEGURIDADE: É unha empresa de servizos multimedia de televixilancia, situada en Santiago de Compostela; ofrece sistemas integrais de seguridade electrónica, planos de seguridade á medida, sistemas de telecomunicación e tamén produtos como cámaras, alarmas, portas blindadas, extintores., etc.
En canto ao uso da lingua semellan telo claro: páxina web e contactos integramente en galego, así como o resto de documentación interna da empresa, rotulación, usos orais…
- ALIMENTOS AMORODO: Empresa pequena que se dedica a facer conservas de produtos de orixe ecolóxica cunha produción de calidade pero, por agora, limitada (marmeladas de amorodos, laranxa…, feixóns, tomate, cabaciño, marmelo…). A súa iniciativa empresarial aposta pola sostibilidade, na que inclúe tamén a lingüística (a súa páxina está nun galego moi coidado) e evidencia un desexo de buscar alternativas económicas dentro do mundo rural galego que se fundamenten nun uso eficiente dos recursos e a enerxía.
- IMAXIN SOTWARE: Empresa de desenvolvemento de programas informáticos que emprega a lingua galega en tódolos ámbitos de xestión da empresa; así mesmo, desenvolveu solucións tecnolóxicas para a introdución do noso idioma no mundo empresarial. Teñen elaborado programas de tradución multilingüe como o "OPENTRAND" e tamén traballan moito servizos educativos e pedagóxicos relacionados co ecoloxismo e o fomento de valores cidadáns, a través de vídeos e xogos multimedia.
- MARTÍN CODAX: Adega con excelentes produtos (viños, licores, augardentes…) que amosa o seu compromiso coa lingua e coa cultura galegas desde o seu propio nome. Creada en 1986 en Burgáns – Vilariño (Cambados), exporta os seus produtos a máis de corenta países do mundo, nos que en paralelo "promove a cultura galega".
- R TELECOMUNICACIÓNES: Empresa galega (Operador galego) de comunicacións por fibra óptica na que o idioma galego é un dos seus elementos diferenciais, é dicir, escolleron esta lingua para marcar a orixe galega da empresa e así distinguirse do resto de operadoras de telecomunicacións. Empregan o galego en todos os eidos de comunicación da empresa e relación coa clientela, aínda que na xestión interna non prevaleza o galego.
Aquí vos deixamos os candidatos. Deixade a vosa opinión sobre cal creedes que debe gañar.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]