Terras de Acolá, Terras de Merlín e Terras do Leste.
Este pasado mércores 28 de marzo, Luís Menéndez, xornalista da televisión de Galicia, visitou o IES Félix Muriel facendo unha gran exposición sobre algúns dos programas que chegou a facer na TVG.
Neste caso, falounos de Terras de Acolá, Terras de Merlín, e terminou facendo unha breve introdución de Terras do Leste.
Este presentador desenvólvese en 5 linguas: galego, castelán, inglés, portugués e francés e viaxou por moitísimos países do mundo.
Con orgullo, díxonos que este tipo de programas son dos máis baratos da televisión, catro veces máis barato ca Luar. E contounos anécdotas sobre a súa produción, como por exemplo que tiña que negociar coas empresas aéreas para o transporte dos materiais xa que alcanzaba os 200 kg de peso, e o permitido son entre 20 e 30 kg. Este tipo de programas teñen a necesidade de levar un equipo dobre, é dicir, normalmente levarían unha cámara, pero polas condicións dos países aos que van, se esa cámara se estropea xa non poden gravar máis por iso precisan unha de reposto.
Contounos que as viaxes para gravar Terras de Acolá tiveran algúns contratempos, ás veces non podían durmir ben a causa da calor, noutra ocasión tivo que levar 14 vacinas e non podía gravar facilmente.
→ Terras de Acolá,
Luís Menéndez para rodar Terras de Acolá visitou moitos países, nos cales lle foi útil o galego para entender o portugués. De feito, díxonos que "terras de acolá", tanto en galego coma en portugués, vén significar “proximidade” ou “veciñanza”. Esta serie é un achegamento ao mundo da lingua portuguesa, é dicir, Portugal e os países da Comunidade de Lingua Portuguesa (CPLP), que son os que posúen o idioma portugués coma lingua oficial. A serie consta de 13 capítulos gravados nos países de fala oficial portuguesa, é dicir, Cabo Verde, Guiné Bissau, Santo Tomé e Príncipe, Angola, Moçambique, Timor Leste, Brasil e Portugal, cun achegamento a Galicia polos seus parecidos.
Falounos de Portugal e da Irmandade Atlántica que forma con Galicia, irmandade que destaca polas similitudes gastronómicas e culturais, cunha fonética moi parecida (hai quen pensa que o galego e o portugés son a mesma lingua) e sobre todo a paisaxe.
Nos outros países percorridos por este programa, tamén podemos observar similitudes nas tradicións, coma son as festas e os bailes.
Chamou a atención sobre o feito de que no Moçambique ás 08:00 da mañá xa comezan bailando pese á tremenda calor, xa que a relixión africana está baseada na danza. As escolas que teñen nestes países de África non son de moi boa calidade e aínda así son moi felices.
→ Terras de Merlín
Este programa trata sobre os países celtas. No programa pódense ver as similitudes xeográficas e culturais entre tódos os países, como poden ser as festas, a vestimenta, as tradicións, e as crenzas. Sobre todo pescuda nos costumes e xeito de vida destas comunidades. Serve para contrastar as evolucións destes países. Esta serie recibe este nome xa que Merlín, xunto co rei Artur, foi unha narración literaria europea de gran transcendencia, desenvolvida principalmente en Gales e Bretaña, é ademais denominador común nestes oito paises. Tamén se trata o fenómeno migratorio e a importancia dos mitos e da superstición (como pode ser a Santa Compaña , o Santo Grial ou lendas das covas). Son países moi verdes coma o noso, cos mesmos símbolos (o coñecido trisquel, símbolo dos celtas), castros e pedras.
→ Terras do Leste
Trátase dunha serie documental, coma as nomeadas anteriormente, que está adicada aos dez novos países da UE (Unión Europea). Afonda nos costumes, tradicións e lendas populares dos descoñecidos veciños do Leste.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]