Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Yolanda Castaño no IES Félix Muriel de Rianxo


Hoxe, xoves 30 de abril, tivemos a honra de contar con Yolanda Castaño no noso IES para falarnos da poesía galega actual.

Cunha presentación sinxela, definindo que non todos os escritores teñen barba e son vellos, comeza a súa charla, falando dos seus primeiros escritos, feitos sendo aínda unha nena pequena.

Como anécdota conta que aos quince anos, para poder conseguir uns pantalóns de coiro (moi de moda naqueles tempos), presentouse a un concurso, o cal gañou o que lle dou pé para presentarse a máis concursos, e foi así como conseguiu publicar o seu primeiro libro.

Fálanos de non estar cerrado, de abrirse a novas formas de escritura, e de non obsesionarse con entender todo o que se le. Explícanos que os profesores están obrigados a darnos uns textos determinados para ler, que non sempre nos gustan pero que hai moito máis detrás da poesía.

Yolanda tamén nos foi deleitando no medio da charla coa lectura de poemas. Comeza con un poema de Kiko Neves, mentres que nos di que a autenticidade é o esencial cando escribes, que non tes que imitar e “non ir do que non es”. Di que todo inflúe para escribir, a ela inspíraa especialmente a publicidade, o cine… o mundo audiovisual.

Tamén nos conta que a poesía galega neste momento está nun punto de esplendor e non hai que cerrarse en banda dicindo que non gusta. Fainos ver que a  poesía avanzou moito, pasando de ter un carácter político nos anos 70 a recobrar os temas máis antigos nos 80 como o é o amor (un exemplo, sería Manuel Rivas), e que nos 90 xurdiron novas voces, como Lois Pereiro ou Luísa Castro, da cal nos le un poema moi interesante, na súa opinión, brillante, de amor “materno-filial”. Fálanos de mulleres poetas como Chus Pato, e da incorporación da muller na literatura e en todos os ámbitos sociais, de Lupe Gómez, que escribiu un poemario moi arriscado e polo que ningunha editorial apostou nun primeiro momento, e que solucionou coa “autopublicación”, converténdose nunha bomba. Tamén incide na figura de María Lado, á que lle gusta moito escribir de temas domésticos. Fai referencia aos grupos poéticos dos 90 que pretendían achegar a poesía a xente.

Leunos poemas de Lupe Gómez, María Lado, Marta Costa e Estevo Creus, o cal nos recomenda.

Coméntanos que a poesía créase de maneira intimista, individual, para logo colectivizarse ao facerse pública.

Tras isto, fálanos da difusión do escrito a través da Internet, e anímanos a colgar os nosos poemas na rede.

A continuación lenos en alto un poema propio que escribiu cando tiña dezanove anos.“Profundidade de campo” é o seu último libro, que fala das apariencias, do cal nos expuxo o poema “Contos de fadas”.

E para finalizar, lenos o seu poema “Highway to heaven”, como xogo de palabras entre o tema do grupo AC/DC, co cal despide unha charla entretida e moi cercana sobre a poesía galega actual.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.