O pasado xoves 27 de novembro, visitou o instituto Félix Muriel un cantante de rock bravú, un locutor da Radio Galega, un presentador, un falador incondicional, un acordeonista… Non sei se me queda alguén polo camiño. O que si sei é que o escenario do salón de actos do instituto estaría a botar por fóra de non ser porque ese todo talento estaba concentrado nunha soa persoa: o inconfundíbel, inesquecíbel e incomparábel Xurxo Souto.
Como boa seguidora do gran Xurxo, achegueime ao meu antigo centro de estudos para escoitalo e, de ter oportunidade, intercambiar unhas verbas con el. E así foi! A charla comezou ás 11:20, e puidemos escoitar desde as fazañas duns mozos de Soutomaior con inquietudes que querían cantar rock en galego, ata as aventuras de Pinto de Herbón con Manu Chao enriba dun “matraquillo”. Tamén nos falou do gran invento da humanidade, do que a maioría dos rapaces alí presentes apuntaron entre dentes que se o teléfono móbil, que se a “play station”… Pero non, o gran invento da humanidade segundo un gran filósofo cultivador de pementos é nin máis nin menos que a motoserra!
O tema da conversa foi sempre desenvolto sobre a música na Galiza, e en varios momentos intentou aviva-las voces rianxeiras, aínda que sen moito éxito. Pero el demostrounos seguir sendo un cantante de primeira e en diversos estilos. Cando soou o timbre do recreo, fixo unha breve presentación do CD “Os quinse máis votados” facendo un repaso por cada un dos grupos escolleitos.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]